Escoitar

Bando con motivo da primeira etapa da Vuelta Ciclista a España

mércores, 29 ago 2007
Con motivo da 62ª Edición da Volta Ciclista a España, cuxa primeira etapa terá a saída e chegada nesta cidade, ademais dun circuito enteiramente urbano o día 1 de setembro, será necesario adoptar unha serie de medidas encamiñadas a dar lucimento a tan importante evento deportivo, tratando de conciliar a seguridade e as molestias derivadas de limitacións de estacionamento e circulación, para o que solicitamos a máxima comprensión e colaboración cidadá.


O punto de meta instalarase na Avda. de Samil, nas inmediacións da rúa Argazada (Hotel Samil), polo que será preciso pechar ao tráfico a citada avenida no treito comprendido entre a citada rúa Argazada e a Avda. de Europa dende as 16.00 horas do xoves día 30 de agosto até o sábado día 1 de setembro, aproximadamente ás 21.00 horas.

A saída, neutralizada, terá lugar o día 1 de setembro ás 13.25 horas e dende a zona portuaria das Avenidas, discorrendo por Cánovas del Castillo, Beiramar, Coruña, Gran Vía, Pizarro, Travesía de Vigo, Angel de Lema e Marina cara a Redondela.

A entrada en Vigo, de regreso do percorrido interurbano, terá lugar a través da Avda. de Castrelos, continuando por Portanet, Avda. de Citroën, Camposancos (antiga estrada de Baiona), para dar comezo neste punto ao circuíto urbano que seguirá por esta estrada até a Baixada ao Vao, rúa Canido, Avda. de Samil, Avenida Atlántida, Tomás Paredes, Porriño, Padre Seixas e Florida para enlazar novamente coa estrada de Camposancos, dando dúas voltas ao mesmo até rematar na meta da Avda. de Samil.

Co fin de garantir o correcto desenvolvemento de tan importante acontecemento deportivo para o que se agarda gran afluencia de público, cómpre dictar as seguintes medidas:


1.- Na zona de meta, anteriormente indicada, procederase a pechar ao tráfico o treito da Avda. de Samil dende Europa a Argazada dende o xoves 30 de agosto ás 16.00 horas até o sábado 1 de setembro, aproximadamente ás 21.00 horas. A totalidade da circulación rodada deberá empregar os itinerarios alternativos da Avda. de Europa, Atlántida e Tomás Paredes fundamentalmente.

2.- Dende as 15.00 horas do día 1 de setembro e até o remate da etapa impedirase a circulación e estacionamento nos seguintes viais: Avenida de Castrelos, Portanet, Avda. Citroën, Camposancos, Estrada do Vao, Estrada de Canido, Avda. Samil, Avda. Atlántida, Tomás Paredes, Porriño, Padre Seixas e Florida.


3.- Cortaranse ao tráfico os accesos ao percorrido da Vuelta nos seguintes puntos unha hora antes da chegada dos ciclistas ao termo municipal de Vigo (ao redor das 15.00 horas): Avenida de Balaídos- Castrelos, Citroën-Olímpicos, Ricardo Mella-Vial Bouzas a Citroën, Florida-Camposancos, Matamá-Pazo e Molinos-Camposancos Ricardo Mella-Molinos, Avda. Atlántida-Paulino Freire, Marín-Rocío, Castelao-Redondela, Redondela-Baiona, Nigrán-Padre Seixas, Florida-Tui, Pablo Iglesias-Olímpicos...


4.- Disporase dun servizo especial e intensivo de autobuses urbanos e taxis dende a praza de América até Samil, en número e frecuencia necesarias para satisfacer a todos os usuarios que o desexen entre as 14.30 e as 16.00 horas. Debido aos desvíos e cortes que se teñan que producir con motivo do citado evento deportivo, a concesionaria VITRASA ofrecerá un servizo de información especial no teléfono 986 291 600, co obxecto de reducir ao máximo as molestias aos usuarios do transporte urbano.

5.- Dende as 00.00 horas do venres día 31 de agosto e até as 00.00 horas do domingo día 2 de setembro non se permitirá nas estradas do itinerario indicado ningún tipo de obras, nin contedores ou sacos, tampouco ningún tipo de acopios de materiais, estando obrigadas as empresas responsables á retirada dos mesmos. O incumprimento destas normas dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador, así como a inmediata paralización das obras que se inicien, sen prexuízo de calquera outra medida que se poida adoptar.

6.- Disporase dunha información detallada do desenvolvemento das actividades e información xeral da Volta a través da Web do Concello (www.vigo.org) e da Oficina de Información Municipal (010).

Agradécese a máxima comprensión polas inevitables molestias que con carácter xeral poidan producirse e solicítase a máxima colaboración cidadá para contribuír ao engrandecemento da cidade con motivo de tan importante evento deportivo.