Escoitar

Joan Sanmartí tocará a súa guitarra no MARCO mañá martes

O concerto do guitarrista Joan Sanmartí, no MARCO ás 21:00 horas, e unha mesa redonda sobre a actualidade do jazz, no mesmo lugar unha hora antes, conforman a programación do Festival Imaxina Sons para mañá martes.

luns, 26 xuñ 2006
1151325098joansanmarti.jpg
Joan Sanmartí
A mesa redonda, que levará por título "A música jazz na actualidade, mídese co seu pasado ou con outras músicas?", será moderada por Vicente Ménsua, colaborador habitual da revista Cuadernos de Jazz.

Xunto a el estarán Pablo Sanz, crítico de jazz, director artístico do Festival de Jazz de Boadilla del Monte (Madrid) e membro de xurados de importantes certames; Eduardo Hojman, que soma ao seu labor de colaborador de varios medios españois e internacionais a primeira tradución ao castelán de "Miles Davis: la biografía definitiva", de Ian Carr, e Tomás Sendón, comentarista radiofónico especializado en jazz que conta no seu haber con entrevistas aos mellores intérpretes españois.

Joan Sanmartí

Formado no prestixioso Taller de Músics de Barcelona, o guitarrista Joan Sanmartí conta no seu haber coa distinción de Compositor do Ano pola Associació de Músics de Jazz de Catalunya (1996). Participou en numerosos seminarios internacionais con artistas destacados como Joe Pass, Dave Liebman, Richie Beirach, Marc Johnson ou John Abercrombie. Ademais da guitarra, cursou estudos de laúde barroco e de tiorba, e posúe un Máster de Creación Musical e Tecnoloxía do Son pola Universidade Pompeu Fabra. No ámbito do jazz colaborou con músicos da categoría de John Zorn, Laurent Filipe, Agustí Fernández, Carles Benavent, Zé Eduardo, David Xirgu, Marc Miralta… E no da canción con María del Mar Bonet e Raimon.

As súas ideas musicais afástano das formacións clásicas e lévano a experimentar con combinacións inusitadas, como percusión, acordeón e violonchelo ou vibráfono, guitarra e sistema electroacústico. En 2006 compón Les Quatre Portes de Fez, pensado para ensemble de percusión, guitarra, contrabaixo e sistema informático, pero adaptado especialmente a formato de guitarra só para esta segunda edición do Festival Imaxina Sons.

A entrada á mesa redonda, ás 20:00, e ao concerto de Joan Sanmartí, ás 21:00, é gratuíta.
Descargar todas as imaxes