Escoitar

A Policía de Praias vela xa pola seguridade dos areais de Vigo

A Sección Policial de Seguridade en Costa e Praias patrulla desde hoxe venres os areais de Vigo. O servizo, instituído pola Policía Local o ano pasado, centrarase na zona que vai de Alcabre a Canido, e de maneira especial nas praias de Samil e O Vao.

venres, 23 xuñ 2006
1151061417polipraias05.JPG
Imaxe do verán de 2005, cando comezou o traballo desta sección
A Policía de Praias está composta por 12 axentes, que prestarán servizo todos os días da semana, en quendas de mañá e tarde (de 7:00 a 15:00 e de 14:00 a 22:00 horas). Con este solapamento horario perséguese unha presenza policial permanente nas horas de maior afluencia ás praias.

Os axentes patrullan en bicicleta e levan un uniforme máis visible có do ano pasado, para seren máis facilmente identificables polas persoas que necesiten o seu auxilio e, ao mesmo tempo, disuadiren a aquelas que teñan intención de levar a cabo actos ilícitos. Por outra parte, ademais dos seus equipos de transmisións, cada policía de praia ten un teléfono móbil de contacto, co cal se pretende dar unha resposta máis áxil aos requerimentos dos cidadáns e facer fronte a posibles emerxencias, chamando a unha embarcación de protección civil se for necesario.

O obxectivo principal da Policía de Praias é garantir a seguridade cidadá no litoral vigués. Ademais, os axentes desta sección velarán pola fluidez do tráfico rodado, chegando a regulalo en caso de necesidade, e pola axeitada utilización das zonas de estacionamento. Así mesmo, a Policía de Praias conta cun furgón rotulado que lle servirá de oficina permanente para ofrecer información e axuda aos cidadáns. Esta oficina está situada ao lado do posto da Cruz Vermella situado en Samil.

O labor preventivo das patrullas compleméntase co de revisión do mobiliario urbano e das restantes dotacións das praias, como son as duchas, papeleiras, lavapés e fontes. No caso de que algo falte, estea deteriorado ou funcione mal, os axentes da Policía de Praias darán conta ao departamento municipal correspondente para que resolva a situación.

Para reforzar a actuación policial instaláronse sinais informativos na zona de praias, para recordarlles aos cidadáns prohibicións como as de acceder aos areais con animais, circular por zonas peonís con bicicletas, monopatíns ou calquera outro vehículo e pernoctar en zonas verdes ou en estazonamentos, facendo uso de caravanas e autocaravanas.

A Policía de Praias patrullará os areais de Vigo ata o final da temporada de verán.
Descargar todas as imaxes

Máis información