Escoitar

O Concello financia con 155.000 euros os concertos das bandas populares por todo o municipio

O concelleiro de Festas e Animación Sociocultural, Ignacio López-Chaves, e o presidente da Federación de Bandas Populares de Vigo, Enrique Lorenzo, asinaron hoxe venres un convenio de colaboración para o desenvolvemento, ao longo deste ano, dun programa de actuacións musicais en todo o municipio e o financiamento de aulas de música.

venres, 5 mai 2006
1146832866bandas050506a.jpg
Ignacio López-Chaves salientou a aposta do Concello pola música de bandas e a importancia cultural e social destas. Polo convenio asinado hoxe venres, o Concello comprométese a achegar á Federación de Bandas Populares cerca de 155.000 euros, 40.000 máis que en 2005. O concelleiro lembrou que Vigo é o concello de España con máis bandas populares (nove), o que demostra, segundo asegurou, unha ampla cultura musical.

Para Enrique Lorenzo, o Concello, a través do convenio asinado hoxe, "apoia decididamente" esta cultura musical, que hai que valorar, dixo, "como parte do noso patrimonio".

Concertos

O programa de concertos obxecto deste convenio inclúe máis de 100 actuacións ao longo deste ano en todo o municipio, con ciclos en Montero Ríos, a rúa Príncipe e o Auditorio Municipal, así como actuacións co gallo do Día Europeo da Música, o 21 de xuño, no MARCO, a alameda, Calvario e a praza da Independencia, e no Día da Reconquista, na Unión Musical de Valadares.

O primeiro ciclo de concertos desenvolverase en Montero Ríos os domingos ás 12:30, do 7 de maio ao 24 de setembro.

Ademais, as nove bandas da Federación viguesa ofrecerán concertos por barrios, na Guía, Bembrive, Cabral, Calvario, Candeán, Coia, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Oia, Saiáns, Salgueira, As Travesas, Valadares, Zamáns e no Centro. No que vai de ano as bandas teñen tocado en Beade, Bouzas, Florida e Teis.

Escolas de música

Por outra parte, o Concello colaborará coas "Aulas de Músicas das Bandas", unha iniciativa que ten os seguintes obxectivos:

1. Fomentar o coñecemento e apreciación da música, iniciando os nenos e nenas desde os primeros anos na súa aprendizaxe.
2. Desenvolver unha oferta ampla e diversificada da educación musical sen límite de idade.
3. Orientar cara a unha formación de carácter profesional cando a vocación e as aptitudes do alumno ou alumna así o aconsellen, proporcionando, se é o caso, a preparación axeitada para acceder a dita ensinanza.
4. Ofrecer unha formación instrumental, orientada tanto á práctica individual como á práctica de conxunto.
5. Proporcionar un ensino musical complementario á práctica instrumental.
6. Fomentar nos alumnos e alumnas o interese pola participación en agrupacións vocais ou instrumentais.
7. Organizar actuacións públicas e participar en actividades musicais de carácter afeccionado.
Descargar todas as imaxes