Escoitar

Corina Porro: "O Auditorio será un referente para a nosa cidade e para Galicia"

A alcaldesa, Corina Porro, o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o presidente de Sacyr, Luis del River, asinaron hoxe martes o contrato de adxudicación e concesión do Auditorio-Pazo de Congresos de Vigo. Segundo a rexedora viguesa, o Auditorio, cun investimento de 85,7 millóns de euros e un tempo de execución de dous anos e medio, será un "elemento fundamental no desenvolvemento económico da cidade".

martes, 2 mai 2006
1146576728audi020506.jpg
Corina Porro cualificou o día de hoxe de "histórico", xa que agora comeza a verdadeira conta atrás para que Vigo conte co que será, nas súas palabras, "un referente para a nosa cidade e para Galicia", de efectos análogos aos do museo Guggenheim en Bilbao e o País Vasco.

Para a alcaldesa, o futuro Auditorio, proxecto de corte racionalista do arquitecto galego César Portela, reafirma a "aposta decidida" do Goberno local por converter a Vigo "en cidade de ocio, negocio e turismo".

Pola súa parte, Julio Fernández Gayoso, asegurou que o Auditorio "vai cambiar moitas cousas en Vigo pero tamén en Galicia". O director xeral de Caixanova sinalou o paralelismo entre unha vella demanda de Vigo como foi a Universidade e o actual proxecto de Pazo de Congresos, para salientar a achega de Caixanova en ambas as ocasións.

Luis del River afirmou que o grupo que el preside está "entroncado en Vigo", en referencia á participación do 5% que Caixanova ten no seu capital, polo que "estamos na nosa casa".

A oferta presentada por Caixanova e Sacyr e elixida como gañadora contempla un orzamento de 85,7 millóns de euros para a construción do Auditorio e un prazo de concesión de 35 anos. O Concello poderá usar as novas instalacións de xeito gratuíto durante 30 días ao ano, no caso das salas principais, e 20 no das salas polivalentes e de exposicións. Ademais, Caixanova ofrece unha redución de cinco millóns da achega do Concello e da Xunta ao orzamento da obra, así como transferencias do 65% ao Concello no caso de obter beneficios superiores en máis dun 10% aos beneficios máximos fixados.
Descargar todas as imaxes