Escoitar

O proxecto "Actívate" beneficiará a 90 desempregados con dificultades de inserción

A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares, presentou hoxe xoves o proxecto Actívate, co cal a Concellaría que dirixe pretende mellorar a ocupabilidade de 90 demandantes de emprego, prioritariamente mulleres con dificultades de inserción laboral e colectivos en situación de risco de exclusión social.

xoves, 30 mar 2006
1143723751activate300306.jpg
A inserción laboral dos 90 demandantes de emprego realizarase durante os próximos 16 meses a través de seis itinerarios para 15 persoas cada un deles. Estes itinerarios distribúense en dous grupos, un relacionado co sector de atención ás persoas e outro dirixido a demandantes de emprego con especiais dificultades para a súa inserción no mercado laboral.

Dentro do primeiro grupo, o proxecto Actívate ofrece os itinerarios de condutor-monitor de transporte adaptado e escolar, auxiliar de axuda a domicilio e axudante de cociña en centros educativos e sociosanitarios. Pertencer a un colectivo en situación de risco de exclusión social será un factor favorable no proceso de selección para estes tres itinerarios.

O segundo grupo de itinerarios está destinado exclusivamente aos membros destes colectivos (discapacitados, maltratados, toxicómanos, persoas en proceso de reinserción social ou pertencentes a etnias desfavorecidas, inmigrantes). As opcións ofertadas neste grupo son as de experto en limpeza, experto en lencería, lavandería e pasado de ferro e teleoperador.

Como parte dos itinerarios de inserción, o proxecto Actívate contempla a formación teórico-práctica específica dos demandantes e a oportunidade de acceder a prácticas laborais. Así mesmo, os participantes contarán con titorías individualizadas durante todo o proceso, información sobre o mercado de traballo para poderen buscar emprego de xeito eficaz, e poderán acceder a unha formación complementaria con materias como habilidades sociais, iniciación á informática, sensibilización ambiental e orientación e asesoramento de iniciativas empresariais.

A participación como beneficiario deste proxecto poderá solicitarse unha vez se realicen as convocatorias de cada itinerario na prensa local. Os itinerarios de experto en limpeza e condutor-monitor de transporte adaptado e escolar serán convocados mañá venres. As solicitudes estarán á disposición dos demandantes no Centro de Emprego "Rivera Atienza" (avenida Martínez Garrido, 21 int. B; teléfono 986 26 63 20; e-mail activate@vigo.org). O prazo para solicitar a participación nestes dous primeiros itinerarios acaba o 10 de abril.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
- DNI ou NIE.
- Tarxeta de demandante de emprego actualizada.
- Certificado de antigüidade na demanda.
- Vida laboral.
- Acreditación do nivel de estudos regrados acadado.
- Certificado de minusvalía (de ser o caso).
- Documentación acreditativa de pertenza a colectivos con especiais dificultades (de ser o caso).
- Permiso de conducir tipo B (no caso do itinerario de condutor-monitor de transporte adaptado e escolar).

Un equipo de técnicos baremará as solicitudes dos candidatos, que deberán tamén asistir a entrevistas de selección.

Durante a presentación do proxecto, Lucía Molares reclamou a colaboración de todos os axentes sociais implicados, en especial as empresas que traballan nos sectores obxecto de atención de Actívate, para dar satisfactoria resposta ás necesidades dos demandantes de emprego con maiores dificultades de acceso ao mundo laboral. Molares recordou que o Concello ten iniciado unha liña de traballo neste campo, dentro do Plan Municipal de Emprego 2004-2007, con iniciativas como o proxecto "Abeiro".

O proxecto "Actívate" está subvencionado polo Ministerio de Administracións Públicas no marco do Programa Operativo de Fomento do Emprego, a través da Subvención Global do Fondo Social Europeo. O orzamento do proxecto, de 640.000 euros, é cofinaciado nun 70% (448.000 euros) polo Ministerio en un 30% (192.000 euros) polo Concello.

Máis información na Oficina de Emprego do Concello (teléfono 986 81 02 32/34, fax 986 81 01 62, e-mail ofi.emprego@vigo.org, páxina web www.emprego.vigo.org.
Descargar todas as imaxes