Escoitar

O Concello pon a disposición dos vigueses "Cadernos Cidadáns" para que creen "blogs" sobre Vigo

A concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, presentou hoxe mércores os "Cadernos Cidadáns" (<a href = 'http://www.cidadans.net/'>www.cidadans.net</a>), unha plataforma de "blogs" creada polo Concello de Vigo e a axencia Europa Press para axudar aos veciños e colectivos a ter o seu propio diario persoal en Internet, cun enfoque principalmente local.

mércores, 29 mar 2006
1143635809cadernosboa.jpg
Esta iniciativa, que Vigo estrea de forma pioneira en España, está encadrada nos actos de celebración do Día Mundial de Internet, que terá lugar o vindeiro 17 de maio.

Marta Iglesias e o director de Novos Proxectos de Europa Press, Jaime Estévez, presentaron esta plataforma como unha aposta de Vigo pola cidadanía dixital, o "Software Social" e a produción de contidos de natureza local.

Os obxectivos principais dos "Cadernos Cidadáns" son xerar unha comunidade virtual con intereses comúns baseados no territorio; achegarlles aos vigueses novas posibilidades de comunicación cos seus veciños e co seu Concello; dar a coñecer a cidade de Vigo a través de Internet por boca dos seus habitantes; e contribuír a reducir a "fenda dixital".

"Cadernos Cidadáns" forma parte da campaña "Un blog para cada cidadán", promovida por Europa Press, coa colaboración da Asociación de Usuarios de Internet, para celebrar o Día Mundial de Internet, que será o vindeiro 17 de maio. Esta xornada está dedicada a poñer de manifesto, a nivel internacional, a importancia das novas tecnoloxías na construción dunha sociedade máis xusta e democrática, na que o conxunto dos cidadáns conte con máis oportunidades de desenvolvemento e benestar.

Pódese acceder a "Cadernos Cidadáns" directamente, a través do enderezo www.cidadans.net, ou ben por medio dun link na páxina web do Concello, www.hoxe.vigo.org.
Descargar todas as imaxes