Escoitar

Abastecer de auga as rúas San Paio de Navia e Fontáns custará un máximo de 312.000 euros

A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe luns o gasto dun máximo de 312.000 euros para contratar as obras da nova rede de abastecemento de auga das rúas San Paio de Navia e Fontáns. O prazo máximo de execución destes traballos será de dous meses.

luns, 20 mar 2006
1142863147xunta200306.jpg
Así mesmo, a Xunta de Goberno deu o seu visto bo ás bases do programa específico de subvencións da Concellaría da Muller para 2006, ao que se destinan 74.000 euros. Con este programa preténdese fomentar o asociacionismo feminino e as actividades de promoción da muller encamiñadas a alcanzar a igualdade de oportunidades. Poderán optar a estas subvencións as asociacións específicamente de mulleres (de carácter xeral ou particular) e as entidades e asociacións mixtas que realizan actividades específicas de promoción da muller nos diversos sectores nos que actúan.

Fomento do emprego

Tamén foron aprobadas as bases para a captación e selección de beneficiarios do Proxecto Actívate, da Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego. Este proxecto pretende ofrecerlles aos demandantes de emprego, a través de itinerarios de inserción, a oportunidade de realizar unha práctica laboral acompañada de formación adecuada para a atención a persoas con necesidades especiais (nenos, maiores, persoas con minusvalías ou enfermas). Dentro desta categoría o proxecto inclúe os itinerarios de condutor-monitor de transporte adaptado e escolar, auxiliar de axuda a domicilio e axudante de cociña en centros escolares e sociosanitarios

Ademais, entre os beneficiarios do Proxecto Actívate haberá demandantes de emprego pertencentes a colectivos en situación de risco de exclusión. Para estes demandantes, os itinerarios posibles son os de experto en limpeza, experto en lencería, lavandería e pasado de ferro e o de teleoperador. Tanto estes itinerarios como os da categoría anterior terán 15 participantes cada un.

Benestar Social

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local aprobou tres convenios de colaboración pertencentes á Área de Benestar Social. Así, o Concello comprométese a achegar 6.000 euros para desenvolver o programa de autonomía persoal "Me muevo" coa Asociación para o Síndrome de Down de Pontevedra.

Outros 6.000 euros serviranlle ao Concello para dispór de catro prazas na gardería especializada situada na rúa Sagunto, 86, da Asociación "Hoy por Mañana", en beneficio doutros tantos nenos e nenas vigueses con dificultades especiais.

Finalmente, o Concello achegará outros 6.000 euros para o desenvolvemento dun convenio de colaboración coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental DOA, que porá a disposición do Concello prazas no seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, situado na rúa Romil, 84.
Descargar todas as imaxes