Escoitar

2.600 alumnos participarán este curso nas actividades da Escola Municipal do Xogo

O concelleiro de Educación, Ignacio López-Chaves, visitou o venres a Escola Municipal do Xogo, situada na rúa Tomás Alonso, para presenciar as actividades que se están a levar a cabo dentro do programa de visitas escolares a este centro. Durante o curso 2005/2006 máis de 2.600 nenos e nenas participarán neste programa.

venres, 17 mar 2006
1142604641xogoIgnacio.jpg
A proposta didáctica que se desenvolve na "Escola Municipal do Xogo" forma parte do programa educativo municipal "Vigo por dentro" e responde ao interese do Servizo de Educación do Concello de Vigo por atender a demanda de actividades lúdico-educativas destinadas aos escolares vigueses de 3 a 7 anos.

Neste curso 2005/2006 desenvolveranse 85 visitas escolares, de luns a venres de 10:00 a 12:00, nas que participarán un total de 2613 nenos e nenas (1160 de tres anos, 670 de catro, 732 de cinco e 51 de 6) e 164 mestres e mestras de 68 centros de ensino públicos e concertados de educación infantil, educación especial e 1º ciclo de educación primaria.

Ignacio López-Chaves salientou a importancia destas visitas escolares, xa que na Escola Municipal do Xogo os nenos e as nenas poden "aprender e adquirir valores nunha sociedade que se está transformando".

Os obxectivos principais da Escola Municipal do Xogo son os seguintes:

- Fomentar o desenvolvemento integral da personalidade do neno e da nena en todos os seus ámbitos (social, psicomotor, afectivo, intelectual...) a través dunha dinámica lúdico-educativa.
- Estimular a creatividade dos nenos e das nenas.
- Propiciar a cooperación e a colaboración social.
- Gozar de xogos de tipo manipulativo, motriz, sensorial, lóxico e de expresión corporal.
- Fomentar a animación á lectura.
- Interiorizar a nosa cultura a través dos xogos e dos xoguetes.
- Deseñar contidos, extratexias e orientacións lúdico-educativas para o profesorado asistente, ao redor dun núcleo temático.

Na escola municipal do xogo conflúen elementos máxicos concordantes coa mentalidade dos nenos e das nenas pequenos e estimúlase a creatividade a través de conxuros, cantos, disfraces e diversos elementos inusuais. Por iso, a visita supón para os nenos e as nenas unha mañá máxica e novidosa na cal poden saír do seu contorno cotián para atopar un mundo fantástico feito á súa medida, que lles permite aprender xogando. Con este fin a Escola ofrece os seguintes xogos:

- Xogos simbólicos: supermercado, cociña, disfraces, carpintería, perruquería...
- Xogos musicais, de precisión oculo-manual, motóricos.
- Xogos de animación á lectura.
- Xogos de cosidos, encaixables, puzzles, de construcción.
- Xogos de mesa: cartas infantís e ordenador educativo.
- Xogos tradicionais: trompos, aros, anillas, xadrez, diábolos, petanca...
- Xogos ao aire libre no xardín acondicionado ao efecto, cando o tempo o permite.
1142604641xogoIgnacio.jpg
1142604685xogo170306b.jpg
Descargar todas as imaxes