Escoitar

Vigo acolle o XXIII Campionato escolar de Galicia de Kung Fu<br /> <br />

O pavillón de Bouzas será escenario o domingo 12 a partir das 11 da mañá desta vixésimo terceira edición do campionato galego, que contará con 508 participantes en dous categorías: alevín e infantil. O torneo consta de tres probas: unha combinación de movementos libres, defensa persoal simulada e Tao.

venres, 10 xuñ 2005
1118410897kung.jpg
A concelleira de Deportes, Lucía Molares , o representante da dirección xeral para o Deporte, Luis Garrigós Villalba, e Carlos Alonso Martínez, presidente da Federación Galega de kung-fu, presentaron o XXIII Campionato de Galicia escolar de Kung Fu que se celebra no pavillón de Bouzas o domingo 12 de xuño a partir das 11 horas.

508 deportistas de categorías alevín e infantil procedentes de toda Galicia se darán cita en Bouzas para celebrar unha nova edición deste campionato que mobilizará a unhas 2.500 persoas entre deportistas, adestradores e organización.

A concelleira Lucía Molares animou a todos os escolares a practicar esta actividade que supón, "non só un desenvolvemento deportivo senón tamén psicolóxico". Carlos Alonso Martínez, presidente da Federación engadiu a este respecto que o kung fu fai "persoas nobres e solidarias", e que se estaba a cambiar a imaxe deste tipo de prácticas para que recollesen e potenciasen os valores do deporte por encima dos da competición. O presidente da Federación Galega de kung fu dixo sentirse moi contento de que as autoridades chinas solicitasen á UNESCO nomear ao kung fu patrimonio da humanidade e comentou que os Xogos Olímpicos de Beijing 2008 servirán para dar a coñecer este deporte.

Tres probas

O torneo constará de 3 probas de 30 segundos cada unha. O grao de dificultade das probas está determinado pola variedade de movementos e técnicas que as compoñen, especialmente os Taos ou patróns de movemento.

A primeira proba é unha combinación de movementos libres. Consiste na unión de exercicios composto por diversas posicións e movementos de brazos e pernas. Esta proba está elaborada polos compoñentes do equipo e o adestrador tan só suxire ideas e posibilidades, permitindo así un maior desenvolvemento da creatividade do deportista.

A segunda proba é a de defensa persoal simulada. Basease na capacidade para aplicar en parellas e tríos, de forma simulada, as técnicas practicadas individualmente.

A terceira proba é o Tao ou patrón de movementos. O grao de dificultade destes está en relación cos coñecementos adquiridos en cada categoría.
Descargar todas as imaxes