Escoitar

Sesenta e cinco persoas participan nun curso do Plan de Voluntariado da Volvo Ocean Race

Sesenta e cinco voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado participan este fin de semana nun curso organizado pola Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e a Fundación Deporte Galego, dentro do Plan de Voluntariado da Volvo Ocean Race 2005-2006.

venres, 10 xuñ 2005
1118409272voluntad.jpg
Con este curso preténdese, ademais de conseguir colaboradores para o evento, fomentar a participación da poboación en xeral en accións solidarias ao servizo dun acto deportivo de difusión mundial. Estes voluntarios gozarán dunha oportunidade única de se converter en parte dun grande evento deportivo de carácter internacional e desenvolver un labor solidario fundamental nesta Volta ó Mundo a Vela.

As accións integradas neste plan de formación "Voluntarios Galiza Navega", que se inician o sábado día 11 e se desenvolverán ata o mes de outubro, van desde a Formación Xeral, fase de actividades prácticas incluídas no programa de actividades Galicia Navega, ata cursos específicos onde se tratarán temáticas tales como o traballo en equipo, planes de evacuación, coordinación, áreas de intervención e tarefas na saída da Volta ao Mundo de Vela.

Nesta primeira convovatoria de formación, os voluntarios participantes aproximaranse ao mundo da vela e adquirirán coñecementos sobre protocolo, animación sociocultural, loxística , primeiros auxilios e planos de seguridade e de evacuación, voluntariado de calidade en grandes eventos deportivos, e marco normativo sobre este ámbito.

O curso terá lugar no salón de actos do Edificio administrativo da Xunta de Galicia os días 11, de 9:30 a 19:00 horas, e 12, de 9:30 a 13:30 horas.
Descargar todas as imaxes