Escoitar

A traineira e o bote polbeiro construidos na escola-obradoiro Mar de Vigo II foron votados no peirao de Canido

A escola obradoiro Mar de Vigo II desenvolveu un programa de formación e emprego promovido polo Concello de Vigo e financiado pola Xunta e o Fondo Social Europeo. Neste obradoiro procedeuse a construcción de dúas embarcacións tradicionais, unha traineira e un bote polbeiro das que apenas se contan outras iguais en toda a xeografía galega.

venres, 27 mai 2005
A alcaldesa Corina Porro e maila concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Lucía Molares, asistiron hoxe venres á botadura das embarcacións tradicionais realizadas pola Escola obradoiro "Mar de Vigo II", proxecto de formación-emprego promovido polo Concello de Vigo, a través da concellería de Desenvolvemento Local e Emprego. Ao acto tamén acudiu a conselleira de asuntos Sociais e Emprego da Xunta, Belén Prado Sanjurjo xa que o programa de formación está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Dende decembro de 2003, corenta e cinco mozas e mozos menores de 25 anos que estaban desempregados, repartidos nas especialidades de carpintaría de ribeira, novas técnicas de construcción naval e actividades náuticas, estiveron a traballar na construcción de dúas embarcacións tradicionais de madeira: unha traineira e un bote polbeiro.

Hai tres aspectos que conflúen nesta experiencia e que convén destacar:

1. Por unha banda, o proxecto "Escola obradoiro Mar de Vigo" é un proxecto de emprego e formación, é dicir, en primeiro lugar trátase de formar a persoas desempregadas para capacitalas no desenvolvemento adecuado dunha profesión con perspectivas de inserción laboral, e a metodoloxía é a formación en alternancia co traballo.

2. Complementariamente, preténdese recuperar oficios e actividades "en perigo de extinción", dinamizando o mundo das embarcacións tradicionais dende unha perspectiva de recuperación patrimonial, pero tamén coa intención de revitalizalo e darlle sentido como actividade económica xeradora de emprego.

3. Por último, pero no mesmo nivel de importancia, un aspecto de especial actualidade na nosa ría. A promoción, difusión e divulgación das actividades vencelladas aos deportes náuticos, á navegación deportiva e ao ocio, tamén mediante a capacitación de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade (en mar ou en terra) de incidencia nesta temática.

A traineira tradicional de pesca e o bote polbeiro representan dous xeitos de navegar e de traballar no mar moi singulares e, desgraciadamente, case desaparecidos. Son moi poucos os "exemplares" de bote polbeiro existentes actualmente en Galicia, e menos aínda os que están operativos. En canto á traineira traficional de pesca, probablemente sexa, xunto cunha de menores dimensións existente en Bueu, a única que hai en Galicia na actualidade. Estes son claros indicadores do excelente traballo de recuperación patrimonial realizado.

Co resultado destas embarcacións, exemplo de todo o traballo desenvolvido en ano e medio, recupérase un anaco do patrimonio cultural e da historia de Galicia e tamén posibilita que os participantes no proxecto estén agora en condicións de atopar un emprego digno, o que cumple cos obxectivos do programa de inserción laboral.