Escoitar

Unha tv-movie recordará a movida do Vigo dos últimos oitenta

O filme "Pataghorobí", baseado nun relato de Xosé Cid Cabido, é a primeira das catro películas para televisión baseadas en relatos literarios contemporáneos que se rodarán en Galicia. Esta película, ambientada no Vigo de finais dos oitenta gravarase integramente na cidade en 36 localizacións diferentes.

xoves, 26 mai 2005
1117114355movie.jpg
A alcaldesa Corina Porro, xunto co director da TVG, Anxo Quintanilla, o director de programas da TVG, Carlos Carballo, o director do proxecto, Antón Dobao e Xulio Casal, productor executivo de Ficción Produccións, presentaron hoxe xoves no Concello a rodaxe da tv-movie "Pataghorobí", a primeira das catro que forman o proxecto da TVG "Un mundo de historias" e que se rodará na cidade nos próximos meses.

"Un mundo de historias" é un proxecto que consiste na realización de tv-movies (películas para televisión) a partir de textos de autores contemporáneos galegos. No caso de "Pataghorobí", o argumento parte do relato homónimo escrito por Xosé Cid Cabido, unha historia nocturna e truculenta que se desenvolve na cidade de Vigo na década dos oitenta.

A cidade de Vigo acollerá o 100 por 100 da rodaxe desta película que durará aproximadamente tres semanas (do 30 de maio ao 18 de xuño) e desenvolverase en 36 localizacións distintas, "entre elas oito edificios municipais, como o Ferro ou o Cambón", explicou a alcaldesa, contará con 24 actores e máis de 300 figurantes. O orzamento previsto é duns 415.000 euros, dos que uns 240.000 euros serán aportados pola TVG.

A alcaldesa Corina Porro destacou a importancia da película en canto á "recuperación da nosa memoria histórica a través das nosas señas de identidade", como pode ser a recuperación do Vigo de finais dos oitenta, unha época dourada nalgúns aspectos da cidade como pode ser o ocio nocturno e a música. Engadiu que o Concello colaboraría coa producción e destacou a posta a disposición do filme dalgúns edificios municipais.

Pola súa parte, Xulio Casal agradeceu o apoio da TVG e do Concello e explicou que o despregamento desta tv-movie, por gravarse en Alta Definición e pola cantidade de localizacións e de actores, é máis complexa que algúns filmes e agradeceu tamén a colaboración de TV3 no proxecto, que será extensible a Cataluña e á súa literatura contemporánea. En canto á elección das obras, Xulio Casal dixo que se optaron por catro dun total de corenta. A seguinte rodaxe será a de "A Biblioteca da Iguana", dunha obra de Xosé Miranda.

Antón Dobao destacou a interesante interacción no proxecto entre o campo da literatura en galego e o audiovisual e explicou a elección do formato tv-movie por encima da miniserie e outros, xa que este é un formato en alza que permite facer produccións de calidade pola súa relación máis directa co cine, aínda que conta cun orzamento inferior.

Anxo Quintanilla comentou que o audiovisual galego atópase nun momento interesante e atractivo e que a TVG manexa 9 proxectos de series de ficción. En canto á producción entre Ficción Producciones e a TVG dixo que "é bo innovar dentro das fórmulas de producción".

A adaptación do guión de "Pataghorobí" correu a cargo do guionista Francisco X. Fernández Naval. Antón Dobao é o director do proxecto, Julio Casal encárgase da producción executiva e Ricardo Llovo da realización.
Descargar todas as imaxes