Escoitar

O Día d@ Moz@ e Rockoia, dúas citas para a mocidade de Coia

O sábado 28 na avenida de Castelao e na praza do Emigrante terán lugar os dous eventos festivos mais importantes para a mocidade de Coia: O Día d@ Moz@ e Rockoia. O primeiro comeza ás 10 da mañá e remata sobre ás 20 horas, xusto cando da comezo o festival de rock que durará ata a unha da madrugada.

mércores, 25 mai 2005
1117028960mozo.jpg
A concelleira Lucía Molares presentou hoxe a sexta edición do Día do Mozo 2005 de Coia, un acto que se repite nos últimos anos para amosar e contaxiar o orgullo de pertencer a este barrio e identificarse con el, ademais de facer partícipe a toda a cidade da actividade que dinamiza día a día este entorno.

No día do Mozo cada colectivo de Coia monta na avenida de Castelao un stand no que durante todo o día realizará actividades cos rapaces que o desexen. Serán obradoiros de curta duración, de xeito que os nenos que participen, poidan facelo na maior cantidade posible de actividades. Cando un neno remate un obradoiro poderá selar a súa fiche de participación e a partir de 6 selos entrará no sorteo de dúas bicicletas.

Este ano, en colaboración cos membros de Book Crossing de Vigo levarase a cabo a maior liberación de libros que se fixo ata o momento en España: un total de 1.400 libros serán ofertados para que os rapaces os leven a casa e, unha vez lidos, poidan devolvelos e sexan recollidos tamén por outros nenos.

A festa contará con numerosas actuacións de Baile Galego, Danza Moderna, Whu-shu, Ximnasia Rítmica, Patinaxe... As actuacións serán en lugares do barrio axeitados para estas actividades: Campo da Festa, Os Volcáns, Campo Roxo, Praza do Emigrante e nalgúns casos as actuacións serán nas propias casetas, como é o caso de Kundalini Ioga ou xadrez. Tamén actuará a recén constituída Banda de Gaitas "Moxenas. Musical Galego" da Federación Veciñal.

Tren e Rockoia

Un ano mais estará presente en Coia o tren que percorrerá a Avenida de Castelao durante todo o día. Este tren conta cunha única parada na que se comeza e se remata o percorrido, posibilitando así que poidan participar todas as persoas que o desexen. Ao igual que outros anos, esta atracción é unha das mais demandadas pola xente.

A partir das 20 horas e ata a unha da madrugada o Día do Mozo celebrará o popular festival de rock, Rockoia, que este ano contará coas actuacións de Spina Fecunda, La vaga Banda, BPM, What?, Tanghana’s Show, La Caja Negra.
Descargar todas as imaxes