Escoitar

Arredor de cen expositores participarán no Salón da Hostelería e Alimentación do Atlántico

Arredor dun centenar de expositores de España e Portugal, en representación de 400 marcas, encontrarán no III Salón da Hostelería e Alimentación do Atlántico, que se celebrará no IFEVI do 28 ao 30 de maio, o escaparate no que mostrar as últimas novidades destes dous sectores.

martes, 24 mai 2005
1116936937salon2405.jpeg
Así, no Salón da Hostelería e Alimentación do Atlántico (SHA) exporán os seus productos fabricantes, distribuidores, importadores, exportadores ou centrais de compras. A área de exposición deste evento, cuxo ámbito de influencia é o Noroeste peninsular, supera os 7.000 metros cadrados.

Nesta nova cita cos profesionais do sector, o Salón converterase nun escaparate de novidades, facilitará o intercambio comercial, actuará como plataforma de negocio e servirá como foro de debate.

Na área destinada á alimentación, os visitantes do Salón poderán realizar un percorrido polos mellores productos e servizos dun sector que está a crecer, desde os mellores viños ao servizo de cátering. Acudirán consellos reguladores, alimentación perecedeira e non perecedeira, empresas de alimentación ecolóxica, productos gourmets, productos biolóxicos e dietéticos. Tamén haberá lugar para conxelados, bebidas, alimentación fóra do fogar, cátering e publicacións e asociacións relacionadas co sector.

No espazo destinado a equipamento para a hostelería participarán empresas de equipos e maquinaria, equipos de apoio, limpeza industrial, mobiliario e decoración, así como artigos de mesa, lencería téxtil, servizos, staff de apoio e tecnoloxía aplicada ao sector. Ademais, as empresas de tintorería, lavandería industrial e limpeza en xeral, seguridade, xestión e informática e vénding terán o seu espazo no Salón.

De forma paralela ao SHA 2005 desenvolverase un programa de actividades que, nesta edición, incluirá como unha das súas principais novidades unha cata de augas minerais. Ademais, os expositores poderán presentar as súas liñas gourmets, dirixidas fundamentalmente á hostelería. Tamén haberá un maratón de catas no que participarán os viños das firmas expositoras. Outra iniciativa destacada é o Sandwichforum, que introducirá os asistentes nos segredos da elaboración dos bocadillos.

O SHA 2005 conta co apoio do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, así como das principais asociacións dos sectores hosteleiro e da alimentación. En palabras da concelleira Lucía Molares este evento constitúe "unha grande oportunidade de negocio" e ten, ademais, "os ingredientes necesarios para consolidarse".

A industria alimentaria reúne un total de 2.728 empresas en Galicia e dá traballo a 27.290 persoas na nosa comunidade. O sector alimentario representa, con respecto ao sector industrial galego, o 16,4 por cento do emprego e o 19 por cento das vendas netas de producto, con cerca de 4.637 millóns de euros en 2003.

Pola súa banda, as actividades de restauración e bares alcanzaron en Galicia en 2004 un total de 23.611 licenzas, das cales 4.977 corresponden a restaurantes, 1.503 a cafeterías e 26.539 a bares. O número de prazas hoteleiras na nosa comunidade ascende a 61.274.
Descargar todas as imaxes