Escoitar

A Xunta investirá outros 29 millóns de euros en vivendas sociais en Vigo

A Xunta de Galicia construirá máis vivendas sociais en San Paio de Navia e nas Roteas, para máis de 1.700 vigueses, cun investimento de preto de 29 millóns de euros

luns, 23 mai 2005
1116853554couple.jpg
O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e do delegado da Cosellería na provincia de Pontevedra, Rubén López, presentou hoxe luns no Concello os proxectos de construcción de máis vivendas sociais para máis de 1.700 vigueses en San Paio de Navia e na zona das Roteas, actuacións que contan cun investimento de preto de 29 millóns de euros. Arredor de 16.000 persoas están a beneficiarse das vivendas sociais que está a construír a Xunta en Vigo.

Núñez Feijóo salientou que "o prezo da vivenda no primeiro trimestre de 2005, segundo datod do Ministerio de Vivenda, indican que Galicia é a segunda comunidade autónoma cos prezos máis baratos, tanto no que se refire a vivenda libre como a vivenda protexida".

Pola súa banda, Corina Porro asegurou que o seu goberno se preocupa "polas mulleres con cargas familiares e os mozos que queren independizarse". A alcaldesa dixo que "se está a facer unha aposta pola calidade das vivendas", e que desexa "que o novo barrio de Navia teña o mellor".

San Paio de Navia

Os arquitectos Fraga, G. Quijada, Portolés e Asociados serán os encargados da redacción do proxecto de construcción de 384 vivendas sociais que a Consellería de Política Territorial construirá en San Paio de Navia, cun investimento previsto para as obras duns 26 millóns de euros. A redacción do proxecto foi adxudicada por importe de 275.000 euros.

O deseño previo presentado hoxe prevé dous bloques de vivendas que contarán cada un deles con baixo e 12 andares, cada un dos cales terá 16 vivendas. Estas edificaranse nunha parcela de 5.456 metros cadrados de superficie. As fachadas dos edificios comporanse con paneis prefabricados. En concreto, empregaranse 4.667 paneis iguais e 5.057 alféizares. Todas as vivendas, estarán parcialmente adaptadas para o uso por discapacitados físicos.

En San Paio de Navia, a Xunta está a desenvolver a máis grande de todas as actuacións de urbanización de solo para vivendas protexidas de cantos están en marcha en Galicia. As dúas primeiras fases permitiron a construcción de 3.381 vivendas protexidas. Neste total inclúense as 384 vivendas sociais, que serán construídas pola Xunta na parcela que lle cederá o Concello.

As Roteas

Polo que respecta ás Roteas, presentouse o proxecto de execución de 47 vivendas sociais, nas que a Xunta investirá 2.515.350,84 euros. Na actualidade está pendente de aprobación definitiva o proxecto de urbanización da parcela na que se levantarán estas vivendas, prevéndose licitar as obras de construcción en canto dito proxecto de urbanización estea aprobado. O proxecto prevé seis bloques de tipo aberto, de forma rectangular, cun baixo no cal se empraza o portal, vivendas e un local. Ademais, haberá dous andares destinados a vivendas. Os garaxes e trasteiros sitúanse no soto.

No mesmo ámbito das Roteas o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) xa construíu outras 40 vivendas sociais, que foron entregadas aos seus adxudicatarios en 2003 e nas que o IGVS investiu cerca de 2,5 millóns de euros.
Descargar todas as imaxes