Luz verde á expropiación dos terreos para o novo acceso ao Párroco Don Camilo
Abel Caballero anuncia un investimento de 1,3 millóns de euros para mellorar a mobilidade na contorna do centro educativo e lamenta o atraso provocado pola imposibilidade de aplicar a Lei Vigo. “Estamos a falar de seguridade”, manifestou.
O alcalde avanzou que a próxima semana o Concello aprobará definitivamente o proxecto de expropiación necesario para executar a mellora dos accesos ao colexio Párroco Don Camilo. A actuación contempla a adquisición de máis de 6.000 metros cadrados de terreos cun orzamento superior aos 400.000 euros e permitirá desenvolver unha obra cun investimento global próximo aos 1,3 millóns de euros.
O proxecto prevé a creación dun novo acceso ao centro educativo desde a estrada Vigo-Baiona mediante un viario de 16 metros de ancho e unha pendente máxima do 12%, incorporando ademais un itinerario peonil plenamente adaptado á normativa de accesibilidade. A actuación completarase coa habilitación dunha nova zona verde xunto ao colexio, mellorando tanto a contorna urbana como a seguridade dos desprazamentos.
O alcalde lamentou que esta actuación non puidese executarse moito antes debido aos obstáculos administrativos. Segundo explicou, a obra “podería estar rematada hai catro anos”, pero a negativa da Xunta de Galicia a permitir a utilización da Lei Vigo obrigou ao Concello a recorrer a unha modificación urbanística que prolongou considerablemente os prazos.