Escoitar

O Concello amplía o transporte urbano ás praias

Desde o vindeiro luns, 15 de xuño, actívase o servizo especial de transporte urbano aos areais de Samil e O Vao cun reforzo das liñas para facilitar o desprazamento da cidadanía tódolos días da semana.

venres, 12 xuñ 2026
Praia de Samil
Praia de Samil

O alcalde informou este venres da posta en marcha desde o luns do servizo especial ás praias de Samil e O Vao durante todo o verán que “funciona marabillosamente ben” e que o ano pasado utilizaron 406.000 persoas.

O Concello ampliará desde o luns 15 de xuño os percorridos das liñas C3i, C3d, L4C e L23 todos os días da semana, de luns a domingo. Así a liña C3i e C3d continuará o seu percorrido desde Bouzas e Coia ata Samil; a L4C amplía o seu percorrido desde Coia ata Samil- O Vao e a L23 conectará con Samil desde Martín Echegaray. As seis liñas que prestan o servizo durante todo o ano aos areais, seguirano facendo. Son a L10, L11, L12A, L15A, L15B e L15C.

Tal e como explicou Caballero, o transporte urbano é unha alternativa cómoda, segura e sostible respecto ao vehículo privado para chegar á praia. “Queremos que a xente dispoña de transporte urbano con toda a comodidade” e lembrou que as mozas e mozos menores de 15 anos e as persoas xubiladas gozan de desprazamentos gratuítos. Amais, coa tarxeta municipal de transporte, as persoas usuarias poderán realizar ata 2 transbordos gratuítos en 45 minutos, podendo chegar á praia desde calquera punto da cidade.

Apoio ao transporte do Goberno España

O Concello acaba de aprobar unha solicitude de subvención ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible para apoiar economicamente a prestación do servizo do transporte colectivo. Tal e como explicou o alcalde, é unha axuda anual do Estado para as entidades locais, a través da que o ano pasado Vigo percibiu 1.131.083 euros. A solicitude debe cumprir os parámetros establecidos nas bases e, a partir de aí, o Ministerio resolve a convocatoria.

Para este ano, o Goberno municipal conta “cunha cifra similar á do ano anterior”. Abel Caballero salientou o “apoio significativo” do Goberno central ao transporte urbano da cidade porque amais desa subvención anual “paga as viaxes a tódolos menores de 15 anos. Namentres, a Xunta cero euros de apoio”.

 

Descargar todas as imaxes