A S.C.D. de Matamá e o C.D. Valladares renovarán os vestiarios coa subvención municipal
O alcalde informou de que a Xunta de Goberno aprobará este venres a resolución da convocatoria de subvencións destinada á mellora das instalacións dos campos de fútbol de titularidade privada, cun investimento de 250.200 euros.
As axudas beneficiarán aos dous clubs que presentaron solicitude: a Sociedade Cultural e Deportiva de Matamá, que recibirá 130.000 euros, e o Club Deportivo Valladares, ao que se lle conceden 120.199 euros.
Estas subvencións permitirán financiar actuacións de construción, mellora e renovación dos vestiarios das instalacións deportivas, reforzando o apoio municipal a unhas entidades que desempeñan un papel fundamental na promoción do deporte base. “O fútbol mobiliza en Vigo o maior volume de participación deportiva, con preto de 8.000 licenzas na cidade, e por iso seguimos investindo na mellora das súas infraestruturas”, destacou Caballero.
O alcalde lembrou que, ademais do apoio aos campos de titularidade privada, o Concello continúa desenvolvendo un ambicioso plan de renovación das instalacións municipais, que contempla a reforma dos vestiarios de nove campos de fútbol cun investimento global de 8,5 millóns de euros.
Neste marco xa están aprobados os proxectos para os campos do Carballal, en Cabral, cun investimento de 1.280.000 euros e o da Bouza en Coia, que contará cunha actuación de 1,4 millóns de euros. A estes seguirán nos próximos meses as intervencións previstas en Monte da Mina (Castrelos), San Andrés de Comesaña, A Guía, As Relfas (Sárdoma), Candeán, Meixoeiro e Santa Mariña (Cabral).