O Concello investirá 358.000 euros en rehabilitar o muíño do vento do barrio de Ribadavia
A Xunta de Goberno licitará mañá venres as obras para executar o proxecto, que transformará o edificio e a súa contorna nun espazo de uso cultural e lúdico para a cidadanía.
Abel Caballero anunciou este xoves o avance do proxecto que supoñerá a rehablitación do muíño do vento, construído en 1950, e da súa contorna, que na actualidade se atopa en situación de abandono.
O Concello actuará nunha parcela de 259 metros cadrados na que se sitúa a edificación tradicional que conta con dúas plantas, un torreón, e un peche perimetral de máis de 50 anos.
Caballero explicou que o obxectivo da iniciativa é dotar ao barrio de Ribadavia dun espazo público de calidade que, ademais de conectarse co parque dos Capuchinos, abre esta zona ao resto da cidade. Así, adiantou que a planta baixa se vai transformar nun espazo que acollerá actos culturais, como pequenos concertos ou recitais que poderán seguirse tamén desde as plantas superiores do edificio. “Queremos dotar ao barrio de Ribadavia dun espazo público de calidade”, recalcou.
O proxecto tamén contempla a creación dun xardín e a conservación e rehabilitación da fachada principal e do laterais norte e sur.
O alcalde destacou que esta nova actuación se suma ás xa realizadas, como o proxecto colaborativo artístico “Arte nas fiestras” co que se pintaron as fachadas de 32 fiestras.