Caballero chama a participar o domingo 21 de xuño no primeiro Día da Bici do diario Atlántico
O alcalde presentou este venres a primeira convocatoria da marcha ciclista que contará coa participación de máis de 2.000 persoas. Arrincará ás 12 do mediodía no Paseo de Alfonso.
O rexedor remarcou que a bicicleta “é unha cultura”, ademais dun sistema de mobilidade que está consolidado en Vigo coa rede de carrís-bici, que será ampliada no futuro. Así, animou á cidadanía de Vigo a participar na convocatoria que conxuga a práctica deportiva e a “mobilidade saudable”, e que representa “unha boa ocasión” para que as familias se sumen de forma segura a unha actividade de ciclismo.
O director de Atlántico, Julio Rodríguez, destacou a vertente social dunha iniciativa deportiva que se enmarca no suplemento semanal +Deporte Atlántico, que durante todas as semanas informa sobre o deporte de base e afeccionado que se practica na cidade, así como nas actividades mensuais con cada un destes. Explicou que a primeira marcha, que conta cun percorrido “sinxelo e suave” polo centro de Vigo, ten por obxectivo potenciar a práctica deportiva en familia.
O Paseo de Alfonso será o punto de partida e chegada do circuíto que discorrerá polas rúas Pi y Margall e López Mora, Praza de América, Avenida de Castelao, con xiro na rotonda de Alfageme á altura da rúa O Grove, Praza de América, Camelias, Álvaro Cunqueiro, Avenida de Camelias, rúas Romil e Falperra e Paseo de Alfonso. A inscrición é gratuíta.