Escoitar

Vigo reunirá o 30 de xuño a Cristina Almeida, Paca Sauquillo e Emilia Graña, referentes do feminismo

A primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e a concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, presentaron este venres a proxección, o martes 30 de xuño no Auditorio Municipal, do filme documental “Clandestinas: feminismo e democracia no tardofranquismo” e o coloquio posterior que contará coa participación de tres figuras salientables do feminismo español. As edís animan á cidadanía para participar nunha iniciativa “que dificilmente volverá repetirse en Vigo”.

venres, 12 xuñ 2026

Carmela Silva avanzou que o documental, impulsado pola asociación feminista O Club das 25, recolle as experiencias, relatadas en primeira persoa, de dez referentes do feminismo español que durante os últimos anos da ditadura franquista loitaron na clandestinidade polos dereitos das mulleres.

O primeira tenente de Alcadía de Vigo explicou que a proxección do filme, que terá lugar ás sete da tarde do martes 30 de xuño no Auditorio Municipal, enmárcase no carácter feminista do Concello de Vigo, “que loita pola igualdade das mulleres”. Neste contexto, recalcou a transcendencia de “lembrar as nosas orixes e as nosas referentes” .

O Club das 25, con máis de 25 anos de actividade en favor das mulleres, reúne a profesionais de todos os ámbitos que traballan “unidas pola igualdade real, por visibilizar a mulleres salientables en todos os sectores e que fan un traballo de denuncia da violencia machista, do acoso sexual e da brecha salarial”, destacou.

A edil responsable da área de Igualdade valorou a participación de Cristina Almeida, Francisca Sauquillo e Emilia Graña, tres salientables figuras do feminismo español e da loita feminista, no coloquio posterior á proxección do documental:  “Tres grandes mulleres feministas, defensoras do feminismo e das mulleres de España cunha dilatada traxectoria en defensa dos dereitos humanos e das mulleres”, sinalou Ana Laura Iglesias

Descargar todas as imaxes