Escoitar

Caballero pide a Rueda que inste á Federación de Fútbol a presentar as puntuacións para as sedes do Mundial

O alcalde envía unha carta ao presidente da Xunta de Galicia solicitándolle que traslade á Federación de Fútbol a petición de publicidade das valoracións das sedes candidatas. “Confío en que sexa imparcial e defenda, tamén, a sede de Vigo”.

martes, 25 feb 2025

Abel Caballero solicitou por carta a Alfonso Rueda que inste á Federación a que presente as cualificacións de tódolos estadios que optaron a ser sede do Mundial de Fútbol no ano 2030 e coñecer as cualificacións dos que quedaron descartados.

“Todas as cualificacións. Se o señor Rueda é presidente de toda Galicia está obrigado a pedir a publicidade” do proceso, tendo en conta que achegarán financiamento para as novas sedes ou sede de Galicia. “Ten que pedir publicidade das valoracións”, engadindo que “ten que defender toda Galicia” e “confío en que sexa imparcial e defenda, tamén a sede de Vigo”.

Reunión Uribes-Louzán

Caballero referiuse tamén ao encontro celebrado onte entre o presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Rodríguez Uribes, e o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán. Ao remate, Louzán volveu referirse á candidatura de Vigo para ser sede do Mundial 2030 apuntando que “Vigo ten problemas de estadio e que o ten máis difícil polo volume do estadio”. O rexedor é rotundo: “volve mentir. A Vigo descártannos alegando problemas de financiamento, non de tamaño”.

Tal e como explicou, o Concello de Vigo presentou un proxecto que alcanza os 43.000 espectadores netos, “exactamente igual ca outras cidades que foron aceptadas como candidatas. Non temos problemas de tamaño. Louzán sabe que minte e non temos problemas de financiamento porque temos débeda cero”. E engadiu que “o que ten que facer -Louzán- é dar publicidade ás puntuacións obtidas por cada unha das sedes que optaban ao Mundial”.

 

Descargar todas as imaxes