O Pleno proclama a "tolerancia cero" fronte á violencia que sofren os sanitarios e urxe á Xunta a incrementar os medios
A Corporación aprobou hoxe, cos votos a favor dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG, e a negativa dos edís do PP, a moción defendida pola terceira tenente de alcalde Elena Espinosa que proclama a “tolerancia cero” do Concello de Vigo fronte á violencia, tanto física como verbal, que padece o persoal sanitario e que demanda á Xunta aumentar a dotación de medios para evitar as potenciais agresións.

Os edís do PSOE e do BNG aprobaron na sesión plenaria de hoxe senllas mocións presentadas polo grupo municipal socialista instando á Xunta a dotar ao área sanitaria de Vigo cos medios necesarios para evitar a situación actual de violencia física e verbal que padecen os sanitarios, así como a incrementar o número de profesionais da nutrición nos centros de Atención Primaria. A concelleira Elena Espinosa, ao proclamar a “tolerancia cero” do Concello de Vigo ante a violencia que padece o persoal sanitario, recalcou que situacións de violencia como a de enfermería cun aumento en 2024 do 13 por cento das agresións, son consecuencia directa dos atrasos na atención que provoca a falta de medios por parte da Xunta, especialmente no servizo de urxencias.
Espinosa afirmou que as medidas implantadas polo Sergas durante o último ano son “parches” que resultan “absolutamente insuficientes” para defender aos profesionais da sanidade galega. Ante esta situación, o Pleno aprobou a moción socialista instando á Xunta a revisar os protocolos de seguridade tanto en Atención Primaria como hospitalaria, con especial atención en urxencias, así como a incrementar en seis meses os efectivos de persoal e de camas coa finalidade de evitar colapsos nos servizos.
Nutricionistas en centros de Primaria
O Pleno Municipal reclama ao Sergas que cubra “inmediatamente” as prazas de nutricionistas que quedaron vacantes nos centros de atención Primaria polo fin do plan que comezou en 2022.
A concelleira Elena Espinosa incidiu en que a rebaixa de 16 a 9 profesionais nos ambulatorios de Vigo representa outro agravio comparativo en función dos recursos que aplica a administración galega noutras grandes cidades.
A moción aprobada tamén insta á Xunta a dotar aos centros de saúde de Vigo con especialistas en Nutrición suficientes para atender ás necesidades da cidadanía.