A Fundación Laxeiro homenaxea a Beatriz Rey na entrega a título póstumo do premio da XXII edición
Abel Caballero destacou hoxe a figura, a personalidade e a obra da pintora Beatriz Rey Gómez, falecida en 2024, no acto de entrega, a título póstumo, da vixésima segunda edición do Premio Laxeiro. “Era unha gran artista e podía estar orgullosa da súa vida e da súa arte”, afirmou o alcalde.

O alcalde afirmou hoxe que a Fundación Laxeiro “honra a memoria” da pintora Beatriz Rey Gómez concedéndolle o Premio Laxeiro 2025 como recoñecemento ao seu labor na renovación da pintura contemporánea galega e ao seu compromiso coa creación e a cultura galegas, con vocación universal.
Caballero apuntou que Laxeiro e Rey están na memoria da cidadanía galega. O rexedor apelou a manter o obxectivo da Fundación de “levar a Laxeiro máis aló das fronteiras porque é un pintor universal, un pintor desde Lalín e Vigo para o mundo, equiparable aos grandes xenios da pintura da historia da humanidade” e a “proclamar o que significou na revolución da pintura en España e a súa propia traxectoria para ser lembrado”.