O Concello urxe á Deputación a que asine o convenio da grada de Gol
O alcalde trasladou hoxe a súa preocupación pola demora xa que, de non realizarse con prontitude a sinatura, provocarase un prexuízo ao Celta e á súa afección.
O goberno municipal vén de remitir un escrito á Deputación de Pontevedra manifestándolle a preocupación pola demora en asinar o convenio da grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos.
Segundo expuxo o rexedor, o Concello xa remitiu o proxecto técnico ao ente provincial hai dous meses, e nel recóllese o mesmo alcance que o dos anteriores acordos asinados entre 2015 e 2019 para as obras de Tribuna, Río e Marcador. Xunto ao convenio achegóuselles o proxecto construtivo redactado polo Concello, un proxecto que foi revisado polo Celta e ao que se incorporaron as achegas do club, ao ser o usuario principal do recinto.
Para Abel Caballero “urxe” a sinatura do convenio para poder iniciar as obras ao remate da actual temporada de fútbol, de xeito que o Celta poida reacomodar á afección de Gol nas tres gradas restantes, “do contrario producirá un grave prexuízo ao club”. Con todo, censurou que a Deputación “non parece ter présa e iso causará dano aos partidos e á temporada do Celta en Balaídos”