Escoitar

Caballero chama a contemplar a última obra de Bosco Caride, "Indicios", exposta no MARCO

O Museo de Arte Contemporánea exhibe desde hoxe, ata o 15 de setembro, a obra máis recente do artista de Vigo Bosco Caride, que, segundo afirmou Abel Caballero no acto de presentación, conta cun valor artístico extraordinario que require traballar para “facer que todo Vigo vexa esta grande exposición”. Ante o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, o artista Bosco Caride, o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, e o comisario da mostra, Jaume Vidal, o alcalde recalcou que as obras teñen a singularidade de “atraer e atrapar” ao observador polas sensacións que produce cada cadro.

xoves, 21 mar 2024

Abel Caballero incidiu hoxe en que cada unha das obras da exposición “Indicios” do artista Bosco Caride, aberta desde hoxe no MARCO, “estimula a capacidade de asombro e de atracción” do espectador. Insistiu en que se trata dunha mostra “extraordinaria”, e convidou á cidadanía para contemplar as creacións máis recentes do artista de Vigo.

Bosco Caride explicou que a mostra “Indicios” vai máis aló de realizar unha exhibición de obras con valores estéticos e de beleza pictórica, xa que aborda temas profundos como os conflitos ou a contaminación.

O comisario da exposición, Jaume Vidal, presentou a Bosco Caride como un “gran virtuoso” da pintura; “un artista contemporáneo e da modernidade” que constrúe unha obra de gran complexidade. Incidiu na dificultade de definir a obra como “representación ou abstracción”.

Para o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, a mostra da última obra de Caride debería ser un punto de inflexión na súa visibilidade dentro do escenario nacional da arte.

Renovación

Tras asinar esta semana a renovación de Miguel Fernández-Cid como director do MARCO, Caballero puxo en valor o traballo realizado nos tres últimos anos para impulsar o museo e no proxecto de seguir relanzándoo.

Descargar todas as imaxes