Escoitar

A Corporación insta á Porto a transformar o fronte de Beiramar e soterrar o viario

O Goberno local defendeu a necesidade de transformar a zona de Beiramar soterrando o viario e favorecendo a calidade arquitectónica dos proxectos da zona. Tal e como explicou a concelleira de Urbanismo, hai que xerar espazos de socialización compatibles co acceso e funcionalidade da Autoridade Portuaria.

mércores, 28 abr 2021

A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, defendeu esta mañá a necesidade de situar como obxectivo prioritario do DEUP e do Plan Especial do Porto a transformación do fronte de Beiramar para conseguir unha axeitada integración do Porto na cidade. Nese senso, o novo plan especial debería transformar os usos das naves existentes en Beiramar, implantando novos usos de alto valor engadido con actividades brandas, acordes co entorno urbano no que se ubican. O goberno local aprobou en solitario un texto que defende a xeración de espazos que permitan o acceso á franxa costeira desde Jacinto Benavente e espazos de mobilidade e socialización para o que resulta imprescindible soterrar o viario de Beiramar. Durante a súa intervención, Caride, ademais de insistir na necesidade de garantir a funcionalidade do Porto, reclamou a limitación das concesións neste entorno.

Fondos europeos

Outro dos asuntos que recibiron o visto bo da Corporación foi a moción do goberno municipal de instar á Xunta a xestionar, de xeito coordinado coa cidade, os fondos europeos que reciba a través do Goberno do Estado. A proposta, defendida polo concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, propón asignar ao Concello como mínimo unha porcentaxe dun 15% deses recursos tal e como se acordou nas Cortes Xerais e na Xunta de Goberno da FEMP. Co apoio da Marea e o voto en contra do PP e do concelleiro non adscrito, o Goberno local sacou adiante unha iniciativa que lembra que Vigo leva máis dunha década traballando en proxectos que agora poderían recibir un impulso extra a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.

Descargar todas as imaxes