A maioría da Corporación pide a normalización da atención presencial nos centros de saúde
Coa única oposición do Partido Popular, na sesión plenaria desta mañá deuse luz verde a unha moción que reclama a normalización da atención primaria presencial nos centros de saúde, con reforzo de medios humanos e materiais, se fora preciso.
A maioría dos grupos políticos coincidiron esta mañá en solicitar as medidas necesarias, co reforzo de medios humanos e materiais, para normalizar a atención sanitaria nos centros de saúde e garantir a asistencia presencial. Co voto en contra do Partido Popular, o Pleno deu luz verde a unha moción presentada polo grupo non adscrito que solicitaba a posta en marcha dun plan efectivo para afrontar as listas de agarda acumuladas ademais de reforzar os dispositivos de vacinación para a súa axilización sen reducir nin limitar a capacidade asistencial.
O texto aprobouse cunha emenda de engádega presentada polo grupo do PSdeG na que se esixe a construción de catro novos centros de saúde na cidade, despois de reducir á metade o proxecto inicial das instalacións de atención primaria que se están a executar en Bouzas. Ademais, insta á Xunta a cumprir o compromiso, manifestado polo presidente da Xunta de Galicia, de renovación e mellora dos centros de saúde de Vigo no plan anunciado ata 2024.