Escoitar

O goberno de Vigo mellora os asentos de Río Baixo en Balaídos

O alcalde explicou cal é a situación actual das obras de remodelación que se realizan no Estadio Municipal para a construción da nova grada de Marcador e a mellora dos asentos nas ringleiras de Río Baixo.

martes, 27 abr 2021
O pasado 24 de marzo, Abel Caballero e Carmela Silva puxeron a primeira pedra da nova bancada de Marcador, contrato que inclúe a mellora dos asentos en Río Baixo
O pasado 24 de marzo, Abel Caballero e Carmela Silva puxeron a primeira pedra da nova bancada de Marcador, contrato que inclúe a mellora dos asentos en Río Baixo

Na rolda de prensa celebrada este martes, Caballero informou da realización dos traballos de mellora do confort dos afeccionados nas ringleiras de Río Baixo onde xa se iniciaron as tarefas de formigonado para aumentar o espazo entre os asentos, que “será o mesmo que ten o estadio do Paris Saint Germain”, logo de eliminar unha de cada cinco filas. Con todo, permanecen aínda algúns asentos, ata a conclusión da competición, porque os máis próximos aos bancos utilízanse durante os partidos e non se realizará a obra ata o remate da liga.

O alcalde deu conta do remate da desmontaxe das torres de iluminación da bancada de Marcador e de Gol e da retirada dos asentos de Marcador. Xa se iniciaron os traballos de retirada de elementos interiores (varandas, portas, marcos) e a vindeira semana comezarán as tarefas da rede exterior de pluviais coa previsión de que entre finais de maio e comezos de xuño os bombeiros abandonen as instalacións baixo a grada para poder demoler esa parte. Co remate da liga, iníciase a desmontaxe do groso da obra coa retirada do marcador electrónico, da iluminación do campo...”

Caballero lembrou que a grada de Marcador ten un orzamento de licitación de 15,5 millóns de euros financiada polo Concello e a Deputación de Pontevedra e, nestes momentos, o investimento no campo suma 27,3 millóns de euros: Marcador: 15,5 millóns; a Bancada de Río: 6,2 millóns e a de Tribuna: 5,6 millóns de euros.

Descargar todas as imaxes