Vigo reclama a gratuidade do aparcamento do Álvaro Cunqueiro para toda a área sanitaria
O alcalde solicitou unha vez máis a gratuidade do aparcamento do hospital Álvaro Cunqueiro nun momento no que a situación sanitaria converte esta medida en máis necesaria que nunca. Outro dos asuntos que reclamou o rexedor é a cesión do 15% dos fondos que a Xunta recibiu do Goberno de España e de Europa.
O Concello reclama a gratuidade do aparcamento do hospital Álvaro Cunqueiro para os usuarios de toda a área sanitaria, especialmente neste momento de tanta demanda coas vacinacións. En contraposición, o alcalde recordou que o goberno local habilitou prazas de aparcamento gratuítas nas zonas próximas aos lugares de vacinación, compensando á empresa concesionaria como corresponde ao igual que se fixo no período de confinamento cando suprimiu a zona XER.
Outra das reclamacións que o alcalde fixo públicas esta mañá pasa por instar á Xunta a xestionar de xeito coordinado coa cidade os fondos React EU que recibe do Goberno Central e de Europa. En declaracións aos medios, o alcalde reclamou o 15% dos recursos que o goberno autonómico recibe para gastos parasanitarios, de ensino, para desinfección, e para compensar á hostalaría e aos autónomos, dos que non chegou á cidade partida algunha. A Xunta, lembrou, xa recibiu 800 millóns dos que non chegou a Vigo nin un euro porque “está a a facer caixa e nos debe 15 millóns de euros”. A intención do Concello é axudar á hostelería aos autónomos e ao pequeno comercio, ademais seguir desinfectando instalacións, unha labor que se está a facer con recursos municipais a pesar de que é a Comunidade Autónoma a que recibe os fondos.