O alcalde descarta incluír no PXOM máis solo industrial na Pasaxe e na Sobreira
O goberno de Vigo prevé aprobar inicialmente este verán o novo Plan Xeral, documento que non recollerá unha ampliación do polígono. A área permanecerá como residencial, sen afección ás vivendas. Ademais, Caballero recordou que A Sobreira seguirá sendo zona verde: “Hai tempo que a descartamos totalmente como zona industrial”.
“O Plan vaise construíndo nun proceso de diálogo coa cidade”, manifestou este luns o alcalde, quen explicou que o documento se orixina “dunha apreciación inicial e a partir de aí vaise elaborando”. Así, Caballero trasladou que se estudaron as posibilidades da ampliar o solo industrial da Pasaxe, dialogouse “con sectores e persoas da zona” e o Concello decidiu finalmente que o Plan Xeral “non contemple o polígono da Pasaxe como área industrial”, senón que continúe clasificado como zona residencial.
“Isto é público, xa se fixo público e xa o saben os grupos políticos, xa saben que non se vai facer, saben que se mantén como zona residencial”, asegurou o rexedor vigués, quen cuestionou un posible “interese político en que haxa lío aí”. Na mesma rolda de prensa, Caballero quixo ademais aclaralo á veciñanza: “Dígolle ás cincuenta familias que o Plan que se aprobará de forma inicial este verán mantén as cincuenta casas e contempla o polígono da Pasaxe como área residencial”.
En segundo lugar, e tamén emprazado na parroquia de Valladares, o alcalde recordou que “xa hai tempo que descartamos” cualificar A Sobreira como zona industrial, como propuxeran algúns inversores. Caballero reiterou a negativa municipal: “Non, seguirá sendo zona verde como ata o de agora”.