Escoitar

Abel Caballero: “a obra que Vigo e o Porto precisan é o túnel de Beiramar”

O alcalde falou este luns de infraestruturas rexeitando o tren a Bouzas que “non o precisa” nin a cidade, nin o Porto e que ademais “rompe” Vigo e avanzou que o túnel de Beiramar será o “proxecto que imos levar adiante”.

luns, 26 abr 2021
Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

En rolda de prensa, o rexedor avanzou que enviará a proposta do túnel “ao Goberno de España, á Xunta de Galicia e a Europa. Vigo non quere tren a Bouzas, quere tren a Guixar que xa ten e que hai que conectalo á saída Sur”.

Para Caballero, o túnel de Beiramar é “vida para o Porto” que precisa que o transporte chegue en túnel a toda a zona de pesca e de contedores de Guixar. Esta é unha proposta, explicou, que xa se realizara nos anos 2006-2007 e que mesmo a Xunta de Galicia iniciara o procedemento de información pública no ano 2009 pero “Feijóo borrouno”.

“A obra que Vigo e o Porto precisa é o túnel de Beiramar”, sinalou Caballero, unha infraestrutura que conectaría o Berbés con Bouzas en dúas fases, a primeira desde o Berbés ata a rúa Coruña e unha segunda fase, que se desenvolvería despois, desde a rúa Coruña ata Bouzas. “Isto é o que queremos que sexa o túnel: dous carrís en cada dirección, con normas de seguridade e aparcamento”, algo que, en palabras do alcalde, “resolverá o problema de circulación para o porto, coordinará ben coa circulación na cidade e proporcionará aparcamento en superficie e unha zona peonil paseable”, situada na actual avenida de Beiramar. Esta é a proposta para Vigo e o Porto que defende o rexedor e que, dixo, “ten que pagar a Xunta e o Goberno de España”.

Incidiu Abel Caballero no seu rexeitamento ao tren a Bouzas “que Vigo non precisa, nin a cidade nin o Porto. É un inmenso erro de Feijóo. Rompe a Gran Vía, unha parte enteira do Lagares, rompe Coia, Alcabre...Citroen non o quere, non o quere a automoción porque non o precisa, non o quere a cidade porque a rompe e non o quere o Goberno de España”.

 

Abel Caballero en rolda de prensa
Descargar todas as imaxes