O alcalde e Pedro Duque abordan o proxecto da fábrica de circuítos fotónicos de Vigo
Abel Caballero mantivo este luns un encontro “magnífico e con moi bos resultados” co ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, a quen lle trasladou, entre outras cuestións, os proxectos que a cidade está encabezando para optar a recibir fondos europeos.
O ministro manifestoulle ao rexedor o seu interese por coñecer de primeira man o proxecto de fábrica de circuítos fotónicos e de laboratorio de I+D para a elaboración de chips “valorando a súa importancia”, logo de saber algúns dos detalles da proposta que conta cun orzamento de 50 millóns de euros e que creará 150 empregos directos de alto valor técnico e centos de empregos indirectos.
“Queremos establecer unha fábrica de altísimo nivel científico tecnolóxico que fabrique chips fotónicos, utilizando fotónica en lugar de electrónica, e estamos facéndoo coa Universidade de Vigo e Zona Franca. Xa hai un volume importante de empresas interesadas”, apuntou Caballero ao indicar que o proxecto será enviado de forma inmediata ao ministro de Ciencia e Innovación.
Amais, na reunión celebrada por videoconferencia, o ministro Pedro Duque, e o presidente da Femp, abordaron a reforma da Lei da Ciencia “que ten que ser garante do desenvolvemento científico e da carreira científica”, a garantía da permanencia de investigadoras e investigadores, resumiu Caballero.