Escoitar

Abel Caballero censura que a Xunta de Galicia non distribúa os fondos Covid entre os concellos

O alcalde manifestou este martes en rolda de prensa que un 15% dos 800 millóns que corresponden á comunidade autónoma dos fondos europeos de recuperación deben ir aos municipios e contrapón a xestión doutras autonomías que si achegaron recursos aos seus concellos.

martes, 27 abr 2021

“Feijóo non quere dar diñeiro aos concellos, nin ás pemes nin aos autónomos, nin á hostalería. Cos cartos que recibe do Goberno de España e de Europa fai caixa. Está recibindo máis recursos dos que distribús”, criticou o rexedor que se referiu ás declaracións nas que o presidente da Xunta cualificaba de “improcedente que solicitaramos recursos á Comunidade Autónoma”.

Abel Caballero expuxo que a Constitución Española recolle que os Concellos “seremos financiados tamén polas Comunidades Autónomas” e citou o Título VII, artigo 142 da Carta Magna: as Facendas locais deberán dispoñer dos medios suficientes para o desempeño das funcións que a lei atribúe ás Corporacións respectivas e nutriranse fundamentalmente de tributos propios e de participación nos do Estado e das Comunidades.

Amais o alcalde contrapuxo a xestión doutras comunidades autónomas como Madrid, Valencia ou Murcia que si achegaron recursos aos concellos para que estes os puxeran a disposición da cidadanía e amosou en rolda de prensa o listado das axudas distribuídas por Andalucía e Castela e León.

O alcalde de Vigo expuxo que o Goberno do Estado repartiu 8.000 millóns dos fondos React EU e 7.000 millóns para pemes; 15.000 millóns en total. Destes, a Galicia correspóndenlle 800 millóns, dos que, dixo, “un 15% ten que vir aos concellos galegos, gobérneos quen os goberne, para que nós os poidamos usar para achegar á hostalería, pequeno e mediano comercio e autónomos; para pagar gastos de desinfección, colexios, política social, educación...”

 

 

Descargar todas as imaxes