Declaración institucional polo Día Internacional do Pobo Xitano
A concelleira de Política de Benestar, Yolanda Aguiar, deu lectura ao manifesto na sesión plenaria deste mércores, por delegación da Fundación Secretariado Xitano Galicia. O Día Internacional do Pobo Xitano celebrouse o pasado 8 de abril.
“Celebramos un ano máis o 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano. Unha celebración marcada este ano polo 50o aniversario do 1o Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres, no que se adoptaron os símbolos propios do Pobo Xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella, e o himno Gelem, Gelem.
En España tivemos que esperar moitos anos para avanzar no recoñecemento institucional. A pedimento do Congreso dos Deputados, o Goberno de España recoñeceu en 2018 o 8 de abril como Día do Pobo Xitano, así como o uso da bandeira e o himno xitanos. Afortunadamente cada vez máis institucións e persoas súmanse ano a ano a esta celebración nun xesto simbólico de recoñecemento a unha identidade cultural e a unha historia e cultura apenas coñecida pola maioría da nosa sociedade. Unha historia de resistencia marcada polas persecucións, o rexeitamento e a discriminación, pero tamén por xitanos e xitanas que contribuíron desde distintos ámbitos ao desenvolvemento cultural, artístico, social e económico do noso país.
Un motivo de celebración é que por fin veremos a historia e a cultura do Pobo Xitano nas escolas, como parte do currículo educativo. A nova Lei de Educación, aínda que tarde, vén reparar dalgunha maneira unha inxustiza secular: a invisibilidade do Pobo Xitano na traxectoria histórica do noso país.
Esta celebración do 50o aniversario chega tras máis dun ano de pandemia, e este Día do Pobo Xitano queremos que sexa tamén unha sentida homenaxe para todas aquelas persoas que perdemos neste último ano, moi especialmente unha homenaxe ás persoas xitanas maiores, piar fundamental das familias, homes e mulleres de respecto, que souberon transmitir ás distintas xeracións os valores e o orgullo da identidade xitana.
Pero a crise sanitaria que vivimos neste último ano non só levouse a moitos dos nosos seres máis queridos, senón que trouxo consigo un agravamento das condicións sociais e económicas para aquelas familias xitanas que xa estaban en situación de pobreza e exclusión social. Impediulles gañarse a vida a través da venda ambulante ou víronse expulsados dun mercado laboral que viven desde a precariedade. O alumnado xitano, xa por detrás da media, viuse en gran medida relegado pola dixitalización do ensino. A crise foi especialmente dura para quen aínda viven en asentamentos e barrios moi vulnerables. E non podemos esquecer que o rexeitamento e a discriminación, e especialmente o discurso de odio en redes, cebouse coa comunidade xitana durante a pandemia, sinalándoa moitas veces como foco de transmisión ou como non cumpridora das normas.
E é que nisto pouco cambiaron as cousas, a pesar dos avances, os xitanos e xitanas seguen estando por detrás e a gran distancia do resto da sociedade no goce de dereitos fundamentais como o emprego decente, educación de calidade, unha vivenda digna ou o dereito á non discriminación.
O recoñecemento institucional do Pobo Xitano, pero tamén a garantía da igualdade de oportunidades e de trato para os xitanos e xitanas, debe ser un compromiso efectivo dos poderes públicos na celebración deste 50o aniversario da instauración do Día do Pobo Xitano. Un compromiso que, nesta etapa de reconstrución e recuperación do país tras a crise provocada polo Coronavirus, debe traducirse en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación, e avanzar en dereitos e cidadanía do Pobo Xitano. Non esperemos outros 50 anos para reparar esta inxustiza histórica.”