Escoitar

Vigo insta á Xunta a implantar de xeito inmediato as gardas de 24 horas nos xulgados

A moción socialista recolle a necesidade de que o goberno autonómico dote aos xulgados de instrución dos medios persoais e materiais axeitados e necesarios, rematando a discriminación histórica respecto ao resto de partidos xudiciais do Estado de similares características, que xa teñen implantado este sistema.

mércores, 28 abr 2021

A concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, defendeu a moción - que saíu adiante co apoio do grupo mixto e do concelleiro non adscrito e coa abstención do PP- expoñendo que é unha "reivindicación histórica" da cidade, que leva moitos anos demandando a implantación das gardas 24 horas e que é, xunto coa Coruña, o único partido xudicial con máis de 8 xulgados de instrución que carece deste sistema que "garante unha xustiza máis áxil e facilita á cidadanía o acceso á tutela xudicial efectiva".

Tal e como sinalou Yolanda Aguiar, con esta medida "preténdese rematar cunha discriminación histórica e que se equipare a Vigo co resto de cidades do Estado". A medida conta co apoio de tódolos operadores xurídicos e foi acordada polas Xuntas de Xuíces e Xuízas de Instrución de Vigo co pronunciamento a favor do TSXG, a Fiscalía, os letrados da Administración de Xustiza, asociacións de xuíces, avogados, procuradores ou organizacións sindicais.


Aparcamento gratuíto no Hospital
A Corporación Municipal aprobou tamén a moción do grupo socialista na que se insta á Xunta de Galicia a decretar a gratuidade do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro e a cesión ao Concello da parcela 5 do complexo hospitalario para a construción dun aparcadoiro gratuíto.

O concelleiro Carlos López Font expuxo que, nestes momentos, o único estacionamento de balde é o que facilita o Concello na súa parcela e que a Xunta se negou a ceder outra para poder ampliar o número de prazas gratuítas. No texto defendido expón que a medida é "hoxe máis necesaria ca nunca" polo período de vacinación masiva que obriga á cidadanía a desprazarse ao Hospital e pagar polo aparcamento. Pola contra, o goberno municipal reservou aparcamentos nos centros de saúde que administran vacinas suprimindo prazas da XER coa "consecuente obriga de indemnizar á empresa concesionaria pola non utilización desas prazas", o que ten un custo adicional para as arcas municipais.

A moción foi apoiada por tódolos grupos, agás o PP, que votou en contra.