Escoitar

A Corporación demanda unha pensión completa na xubilación anticipada con 40 anos cotizados

Todos os concelleiros e concelleiras apoiaron a petición, promovida pola asociación “Jubilación anticipada sin penalizar”, que solicita das Cortes Xerais e do Goberno de España unha modificación lexislativa que exclúa ao colectivo dos coeficientes redutores no cómputo da paga.

mércores, 28 abr 2021

A moción foi presentada polo grupo Mixto (Marea de Vigo) e obtivo este mércores o voto favorable de todas e todos os edís do Pleno da Corporación de Vigo. O texto explica que, segundo a regulación vixente, “aplícanse reducións que chegan ata o 8% por cada ano anterior á idade legal de xubilación, chegando nalgúns casos a unha penalización do 40% da pensión”, polo que consideran “razoable que, se se cotizaron xa un total de 40 anos ou máis, non se sufra ningunha penalización ou coeficiente redutor, senón que se entenda que esta persoa xa contribuíu suficientemente ao sistema de pensións”. Engade a proposta que “a penalización non finaliza cando o xubilado cumpre coa idade legal de xubilación, senón que se mantén posteriormente”.

A Asociación sinala que o coeficiente afecta a unhas 10.000 persoas na provincia, xente que en moitos casos comezou a traballar moi nova e prefiren rematar antes coa súa vida laboral. Mais a entidade tamén advirte do caso de traballadores despedidos que non atoparon outro emprego, esgotaron o paro e polo tanto se viron obrigados a solicitar unha xubilación “supostamente voluntaria” para poder contar con ingresos. Estas persoas teñen que asumir “involuntariamente esta penalización na súa pensión”.

Para que se solvente “este agravio comparativo”, o Pleno instou ao Goberno de España e ás Cortes Xerais a “iniciar os trámites para conseguir as modificacións necesarias na Lei Xeral da Seguridade Social para que os casos de acceso á xubilación anticipada por vontade da persoa interesada, nos que acredite un período de cotización efectiva de 40 anos, sexan excluídos da aplicación dos coeficientes redutores establecidos”. Para o cálculo, “non se terá en conta a parte proporcional por pagas extraordinarias e só se computará no período de presentación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutiva, co límite máximo dun ano”.

Tamén se solicita que, nos casos que se apliquen os coeficientes redutores, estes “deixen de aplicarse desde o momento en que o pensionista cumpra a idade legal de xubilación”. De aplicarse as modificacións propostas por “Jubilación anticipada sin penalizar”, a asociación demanda que se supriman as reducións aos xubilados anticipados que cumpriran 65 anos ou máis “e se lles calcule a pensión segundo a base contributiva e os anos cotizados”.

O Pleno da Corporación municipal de Vigo aprobou por unanimidade estes acordos, que serán trasladados á FEMP (presidida polo alcalde, Abel Caballero) e aos grupos parlamentarios tanto no Parlamento de Galicia como do Congreso e do Senado.