Escoitar

O alcalde anuncia que o Concello se personará como acusación particular na actuación xudicial do atropelo da praza de América

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, expresou a súa consternación sobre os sucesos acontecidos o xoves 3 de abril na praza de América no transcurso dunha concentración pola paz.

venres, 4 abr 2003
Castrillo cualificou de tremenda a actuación do conductor do vehículo que arroiou a un grupo de persoas e afirmou que agarda que se depuren todas as responsabilidades penais. O alcalde dixo ignorar cáles eran as razóns polas que un conductor, estando a Policía local cun dispositivo de control de tráfico na manifestación, arrincou e atropelou supostamente de xeito intencionado aos participantes na protesta pacífica.

A Policía local enviou xa os partes de incidencias e o Concello participará como acusación particular nas actuacións xudiciais deste caso, xa que foi un acto acontecido na vía pública e presuntamente delictivo.

O alcalde contactou coas familias e expresoulle o seu pesar, solidariedade e consternación, tanto en nome propio como do Concello, ademais de brindarlle o seu apoio no que sexa necesario como a posta a disposición das familias do asesoramento xudicial.

Os actos producíronse cando un home de 62 anos arroiou a varios manifestantes na praza de América, pasando co coche por enriba dunha moza de 23 anos, e logo se deu á fuga pola avenida de Castrelos. Unha das mozas ás que levou por diante, de 14 anos de idade, quedou enganchada baixo o vehículo e foi arrastrada 400 metros. A Policía local detivo o autor do atropelo, o vigués Jesús R.V, despois da persecución. Varias víctimas foron trasladadas ao hospital. A unha das rapazas atropeladas, con prognóstico reservado, xa lle efectuaron unha intervención cirúrxica.

O alcalde condenou explicitamente os actos perpetrados contra as sedes do Partido Popular e indicou que o respecto físico ás persoas e bens de calquera partido é imperioso, polo que manifestou o seu desprezo aos causantes destes actos.