Escoitar

A influencia da ópera en Vigo analizarase no Congreso de musicoloxía

As sesións abertas "A ópera e Vigo", do I Congreso internacional de musicoloxía, analizan o sábado ás 17:30 a influencia deste xénero na cidade.

venres, 4 abr 2003
O especialista Enrique Sacau do Instituto per lo Studio della Musica Latinoamericana ofrecerá unha comunicación co título "A ópera en Vigo: froito exótico para o cambio de século". A cita será no salón de actos da Fundación Mayeusis (Areal, 138) durante toda a fin de semana.

Nesta conferencia preténdese pór de manifesto a importancia dos estudios operísticos para a elaboración da historia social e das mentalidades dunha cidade en expansión no cambio de século. Atenderase ao propio contexto social –economía e urbanismo–, así como ás infraestructuras que fan posibles determinadas formas de lecer.

Engadiranse as investigacións sobre compañías e representacións correspondentes ao período. Por último, preténdese enmarcar o traballo realizado nos diferentes modos de recepción da ópera italiana, manifestando que, fronte á condición popular que goza no seu lugar de orixe, en Vigo e noutros centros extra-italianos de representación, convértese nun producto exótico.

Enrique Sacau (n. Vigo) é licenciado en Historia na Universidade de Santiago de Compostela, desde 1999 combina a súa actividade musicolóxica coa xornalística exercendo como crítico en Galicia do diario El Mundo. É crítico titular de Mundoclasico.com onde traballa como relacións públicas.

Entre as súas últimas publicacións se conta a homenaxe a John Cage "4'33'': Un silencio cheo de significados" e "Postmodernity: the doubt as a form of civilization; certainty as barbarism", que foron o cauce para establecer unha fluída relación coa Facultade de Música da Universidade de Oxford, coa que colabora asiduamente.

Na súa tarefa musicolóxica, é coordinador en España do Instituto per lo Studio de la Musica Lationamericana, cun proxecto de investigación da ópera e a emigración na Belle Époque que está ampliando en Galicia coas súas investigacións sobre os roteiros operísticos, a recepción de Rossini na Coruña ou o estudio sistemático das tempadas operísticas de Vigo.

Publicou artigos científicos e de divulgación sobre historia da interpretación, fonografía e historia da ópera. Membro da Sociedade Portuguesa de Ciéncias Musicais, participou activamente en congresos en Venecia, Lisboa ou Lovaina (XVII Congreso da Sociedade Mundial de Musicoloxía). Actualmente prepara un extenso traballo sobre Historia da Ópera en Galicia, otro sobre Bedrich Smetana y su tesis doctoral sobre historiografía.