Escoitar

O alcalde alerta do "perigo que corre" a UNED de Vigo coa aplicación da LRSAL aprobada polo goberno central

Segundo explicou este luns Abel Caballero, coa aplicación da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, a partir do ano 2017 os concellos non poden asumir os gastos académicos, como é o caso da UNED, o que pode supoñer unha "ameaza" de peche do centro. Por iso reclamou novamente a eliminación da norma e pediu garantías aos grupos políticos para conseguir que ese punto concreto da Lei sexa anulado.

luns, 13 xuñ 2016
Abel Caballero amosou a súa "gran preocupación" polas consecuencias que terá a aplicación da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local sobre a UNED de Vigo xa que, segundo explicou, o texto contempla que "a partir do mes de xaneiro do ano que vén non se poden pagar os gastos académicos" desde os concellos.

"É un problema moi serio", dixo, porque, de aplicarse a LRSAL, a UNED en Vigo e Pontevedra corre perigo" ao non poder recibir financiamento desde o Concello nin desde a Deputación, malia "todos os esforzos que estamos facendo" para que a UNED estea na cidade.

O alcalde reclamou novamente a derrogación da Lei de Réxime Local e instou a todos os grupos políticos a que garantan a anulación dese apartado concreto para poder manter a UNED aberta. Así mesmo, criticou que o goberno de Rajoy, responsable da aprobación da norma, "ameace con pechar" este centro "onde temos miles e miles de estudantes atendidos". Caballero lembrou que ten presentado, xunto a outros 3.000 concellos, un recurso ante o Tribunal Constitucional pedindo a eliminación da norma aprobada no ano 2013.