Escoitar

O alcalde anuncia tres novas garderías municipais para xaneiro que crearán 260 prazas máis

Nunha visita á escola infantil de Atalaia, en Teis, o alcalde anunciou que en xaneiro rematarán os traballos nas tres novas garderías municipais en marcha, por valor de case un millón de euros, e que ampliarán en 260 prazas a oferta do Concello na cidade. "En xaneiro duplicaremos as prazas de garderías", indicou Caballero, quen avanzou que o incremento terá continuidade cun novo plan para 2011.

martes, 7 set 2010
1283862991guarderia.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe martes que en xaneiro estarán concluidos os traballos de construcción das tres novas escolas infantís municipais -en Tomás Alonso, Casiano Martínez e Mestres Goldar-, que sumarán á oferta actual 260 novas prazas para nenos e nenas.

Así o afirmou o socialista nunha visita á escola infantil Atalaia de Teis, unha das catro municipais que veñen operando na cidade nos últimos anos. Caballero, para "dar resposta a unha demanda cidadá", explicou que o Concello está a investir un millón de euros nas tres novas dotacións educativas que prácticamente duplicarán as prazas actuais a partir de xaneiro.

O alcalde indicou actualmente hai 232 nenos e nenas matriculadas en escolas infantís municipais e precisou que ainda quedan vacantes no turno de tarde, menos demandado polas familias, polo que avogou por continuar ampliando a oferta. Neste sentido avanzou que o próximo mes presentará un novo plan de garderías -incluído nos orzamentos de 2011- para incrementar a oferta do Concello.

As futuras escolas de Tomás Alonso e Casiano Martínez suman un investimento municipal de 246.000 euros e 80 novas prazas en cada unha; e Mestres Goldar terá 100 prazas e un orzamento de 500.000 euros. As tres estarán concluídas en xaneiro e sacaranse a concurso coas mesmas condicións económicas que as actuais.
Descargar todas as imaxes