mércores, 8 set 2010
O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, presentaron este mércores dous novos camións para o servizo de bombeiros, cun investimento de 550.000 euros. O rexedor fixo balance dos investimentos neste servizo nos tres anos de mandato, cifra que supera os 3 millóns de euros, e anunciou a creación de 17 novas prazas.
mércores, 8 set 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe "Feira", o mercado de produtos tradicionais que se inaugurará o vindeiro sábado no Paseo de Alfonso e que terá unha periodicidade mensual. O nacionalista salientou que se trata dunha medida máis para revitalizar o Casco Histórico ao tempo que se pon en valor a tradición dos artesáns, que foron peza fundamental no desenvolvemento do barrio.
mércores, 8 set 2010
Abel Caballero fixo hoxe mércores unha "denuncia pública" alertando de que o informe autonómico das Directrices de Ordenación do Territorio "fai desaparecer o Área Metropolitana de Vigo" e a transforma nun ente "menor", sen competencias nin personalidade xurídica. O Concello alegou contra as directrices e Caballero anuncia que seguirá reclamando o Área para a cidade olívica.
mércores, 8 set 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou hoxe que o seu departamento concederá este ano un 14% máis de becas de libros e comedor que o curso pasado. O incremento do orzamento permitiu atender a 2.258 solicitantes, 1.724 son de axudas de comedor e 534 de libros. A nacionalista salientou que nunca antes se concederan tantas becas e precisou tamén que nos dous últimos cursos practicamente se duplicou o orzamento e o número de persoas atendidas.
mércores, 8 set 2010
A Casa das Artes acolle mañá a inauguración da exposición "Os anos escuros" con fondos do Arquivo Pacheco. A mostra fotográfica presenta, a través dun conxunto de case oitenta fotografías, o tempo que seguiu ao golpe de estado que se produciu no verán de 1936. Esta é unha máis das iniciativas que a Concellería de Cultura está a desenvolver para poñer en valor o legado do Arquivo Pacheco e amosalo á cidadanía.
mércores, 8 set 2010
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, sostivo hoxe ante os medios de comunicación que deportistas como Susana Rodríguez, triatleta viguesa invidente, son "un exemplo" para a sociedade, e afirmou sentirse feliz "pola gran cantidade e calidade de grandes deportistas que esta cidade está a dar".