Escoitar

Os 250 alumnos becados polo Concello para estudiar inglés en Reino Unido sairán a partir do día 9 cara a Londres

O programa de inmersión lingüística, PILIVIGO 2010, da concellería que dirixe a socialista Laura López Atrio permitirá a súa estadía durante 3 semanas en dez localidades inglesas. O goberno municipal iniciou o programa en 2008 con 100 becas ata chegar as 250 actuais coa intención de mellorar o nivel de inglés dos estudantes vigueses

luns, 6 set 2010
A aposta do alcalde de Vigo, Abel Caballero, porque todos os nenos da cidade poidan estudiar inglés becados polo Concello tradúcese neste incremento que experimentan as bolsas cada ano. Desta volta 250 rapaces partirán o vindeiro xoves cara ao Reino Unido para permanecer desde o 9 de setembro ata o 5 de outubro nas localidades inglesas de Dereham, Loxley, Norwich, Ramsgate, Richmond, Sawtry, Scarborough, Sheffield, Wymondham e York.

Esta iniciativa didáctica municipal ten como obxectivo primordial ofrecer ao alumnado de 4º de ESO dos institutos da nosa cidade a oportunidade de mergullarse na lingua e cultura británicas e aprender nas escolas locais en réxime de integración co alumnado nativo. Esta nova edición do Programa Municipal de Inmersión en Lingua Inglesa PILIVIGO 2010, tentará seguir promovendo a mellora da capacitación en lingua inglesa, dentro do marco do programa educativo municipal "AULAS INTERNACIONAIS".

A participación no programa e desfrute das prazas implica para todo o alumnado beneficiario que teñan incluído o importe da matrícula no programa lectivo e o material necesario para completalo, así como os custos de aloxamento en familias anfitrioas en réxime de pensión completa, gastos derivados da organización de actividades extraescolares e lecer e visitas didácticas a centros de interese do país de acollida (que desenvolveranse en inglés e guiadas por monitorado bilingüe), importe das viaxes de ida de volta, transporte urbano ata o centro de ensino de integración asignado, e seguros de viaxe e responsabilidade.

Este xoves 9 de setembro sairán os 50 primeiros alunos en bus dende a Praza do Rei con destino ao Aeroporto de Sa Carneiro, en Porto, para posteriormente voar a Londres.