Escoitar

Santi Domínguez anuncia o investimento de 2,5 millóns na reforma integral do mercado e a praza de O Progreso

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, anunciou este mércores a reforma integral do mercado e a praza de O Progreso, que ten un orzamento de 2,5 millóns de euros e un prazo de execución de un ano a partir da apertura do mercado provisorio na praza superior. Na presentación do proxecto o concelleiro asegurou que ademais de mellorar as instalacións, a remodelación ten o obxectivo de "conseguir que o mercado se convirta nun elemento dinamizador do barrio e do contorno comercial".

mércores, 17 mar 2010
1268835249reformaprogreso.jpg
"O mercado do Progreso é un mercado emblemático, que viña reclamando unha actuación integral dende hai moito tempo", afirmou o tenente de alcalde. Asegurou que a remodelación responde á demanda dos propios comerciantes "que pedían a revitalización de todo o contorno". Segundo sinalou, a falta de investimento e mantemento "fixo que hoxe teñamos un mercado deteriorado".

Santi Domínguez explicou que o proxecto de reforma do mercado de O Progreso inclúe unha reforma integral tanto do mercado como da praza superior coa "reorganización dos diferentes usos". A remodelación afecta a unha superficie construída de 7.705 metros cuadrados. Os andares -2 e -1 serán destinados a aparcamento, cun total de 80 prazas, e a zonas de carga e descarga.

Na baixa concentrarase o mercado, con 65 postos, maioritariamente de alimentación. O tenente de alcalde indicou que o proxecto tamén inclúe un espazo de información e, como novidade, unha consigna na que os usuarios e usuarias facer pedidos para os envíos a domicilio. Haberá tamén vestiarios para os traballadores e traballadoras. "Todo elo integrado nun aspecto moderno e que permitirá a máxima comodidade", destacou.

O primeiro andar estará reservado ao supermercado, que segundo salientou Santi Domínguez, será un elemento fundamental "na dinamización e na creación do referente comercial". Neste sentido explicou que nos vindeiros meses se fará a correspondente concesión. Respecto á praza, destacou que se fará unha reforma total e que incluirá cafetería e algún outro establecemento de restauración, con acceso directo dende o mercado. "Serán unhas instalacións totalmente integradas", comentou ao respecto.

"Non haberá parón na actividade comercial do mercado", salientou o tenente de acalde. En resposta aos medios indicou que a primeira fase das obras xa se ten realizado, co inición do reforzamento da base do mercado. Esta actuación permitirá que en tres meses se traslade á praza superior o mercado provisorio, onde continuará funcionando mentras se executen as obras de reforma interior.

Santi Domínguez sinalou que esta reforma se enmarca na aposta que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio se está facendo polo pequeno e mediano comercio vigués, e na que os mercados xogan un papel fundamental na potenciación do patrimonio histórico e na consolidación do tecido económico. Ao respecto, salientou que dende o BNG "cumprimos o que prometemos". Lembrou que na campaña se dixera que era moi importante dinamizar os mercados e nesta lexislatura xa se puxo en marcha o Plan de Infraestruturas dos Mercados, que inclúen reformas en todos os mercados municipais, así como o Plan Estratéxico dos Mercados Municipais, que segundo indicou "era moi demandado polo sector".

"Quixemos que as remodelacións foran máis rápido pero non pode ser porque a Xunta negou unha axuda importante, ao conceder só 300.000 euros dos máis de 6 millóns do orzamento que tiñamos previsto para abordar melloras nos diferentes mercados", explicou Santi Domínguez.

Respecto ao anuncio realizado polo conselleiro de Industria, Javier Guerra, de que a Xunta investiría 1,2 millóns de euros nos mercados de Vigo, o tenente de alcalde indicou que se trata dunha subvención directa a Mercacevi, e non á Concellería de Comercio. Porén, asegurou que este ano dende o Concello se volvería a solicitar unha nova axuda e agarda maior xenerosidade por parte da Conselleira de Industria.
Descargar todas as imaxes