Escoitar

Iolanda Veloso anuncia que o contorno do mercado do Calvario acollerá o sábado actividades para dinamizar o galego

A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, anunciou hoxe que o sábado, 12 de decembro, o colectivo Convers-ando desenvolverá unha xornada de actividades "a prol da dinamización da lingua galega". Na presentación da xornada, na que participou tamén a representante do colectivo María Reimóndez, a concelleira afirmou que Convers-ando "é unha das iniciativas sociais que xurdíu no noso país a consecuencia das políticas desenvolvidas ou anunciadas sobre política lingüística polo Goberno galego".

xoves, 10 dec 2009
1260453422roldaconversando.jpg
A concelleira de Normalización Lingüística salientou que a modificación da Lei de Función Pública, que non garante que os funcionarios teñan a obriga de coñecer o galego, ou o anunciado decreto do galego, son "medidas regresivas respecto á situación da lingua galega que propiciaron que xurdiran plataformas reivindicativas". Neste sentido, Iolanda Veloso asegurou que a plataforma Cambia Galiza á que pertence Convers-ando, "fai fronte a esta situación dun xeito creativo".

María Reimóndez, pola súa banda, explicou que Cambia Galiza ten por obxectivo fundamental a "sensibilización da cidadanía" respecto á lingua mediante a conversa. Deste xeito, as actividades que comezarán ás 10.30 do sábado no contorno do mercado do Calvario terán como eixo a conversa, para "transformar os prexuízos". Xa pola tarde, a partir das 17 horas, están programadas animacións infantís e un safari fotográfico, e dende as 19.30 horas terá lugar un serán.

A representante do colectivo Convers-ando agradeceu ao Concello de Vigo e en particular ao servizo de Normalización Lingüística "por apoiar de forma ampla esta iniciativa". Asemade, deu as grazas ao mercado do Calvario pola súa colaboración para poñela en marcha e animou a toda a cidadanía a que "participe e converse con nós".
1260453422roldaconversando.jpg
1260453423roldaconversando.jpg
Descargar todas as imaxes