Escoitar

O alcalde salienta que a humanización da rúa Marín "mellorou substancialmente" o transporte público na zona

Abel Caballero encabezou a delegación municipal na inauguración da rúa Marín, en Coia, cun investimento de 1,1 millóns de euros e emprego para 39 persoas, das que 11 procederon das listas do INEM de Vigo. O alcalde mostrou a súa "satisfacción" polo resultado da mellora, que converte á de Marín "nunha das humanizacións máis fermosas de Vigo". O novo sistema circular, indicou Caballero, "mellorou substancialmente" o transporte público na zona.

xoves, 10 dec 2009
1260453132humanizacionmarin.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou este xoves que a humanización da rúa Marín, en Coia, "mellorou substancialmente" o funcionamento do transporte público na zona.

Así o manifestou durante a inauguración da mellora, na que estiveron presentes concelleiros do goberno local e da oposición. Caballero explicou que o transporte público chega agora a Coia pola Avenida de Castelao para marchar pola rúa Marín -que nunha parte é sentido único- o que permite gañar en "fluidez", segundo lle transmitiu VITRASA ao rexedor. Antes da humanización, toda a rúa Marín era de dobre dirección e determinados puntos da mesma non permitian o paso simultáneo de dous autobuses, xerando atascos.

O alcalde avanzou que no estudo de reordenación do transporte público abordarase aumentar as frecuencias e reubicar as paradas, adaptándoas as núcleos de poboación da rúa Marín.

1,1 millóns de euros
A humanización de Marín converte á rúa "seguramnete nunha das máis fermosas de Vigo", afirmou Caballero, cun investimento de 1,1 millóns de euros. Nesta reforma traballaron 39 persoas, das que 11 procederon das listas de desemprego da cidade. O alcalde recordou que as centrais sindicais garantiron o cumprimento "moi elevado" das condicións laborais e da adxudicación.

Segundo detallou Abel Caballero, o Concello actuou en 7.500 metros cadrados de rúa, das que 2.500 corresponden ás novas beirarrúas de granito. Ademais, renovouse a rede de abastecemento e saneamento, instaláronse bancos, xardineiras, papeleiras e novos puntos de luz.

O rexedor vigués fixo especial fincapé no mantemento das 62 prazas de aparcamento existentes antes e despois da humanización, para o que cambiouse o proxecto inicial da obra. "Extremamos a atención aos aparcamentos", subliñou Caballero, dada a falta de garaxes en numerosos edificios da zona.

Zonas interiores
O alcalde tamén avanzou que "en 2010 imos afrontar os interiores" dos distintos edificios de Coia, que precisan ser mellorados. Caballero afirmou que estes espazos son da Xunta de Galicia ou de titularidade privada para uso público, e en calquera caso o Concello actuará sobre os mesmos.

Os fondos para acometer estas reformas procederán ben do novo Fondo Estatal de Investimento Local do Goberno de España, do que Vigo percibirá uns 32 millóns de euros, ben dos propios orzamentos municipais de 2010, segundo avanzou Abel Caballero.
Descargar todas as imaxes