Escoitar

O alcalde abre o Fórum Europa reclamando o "coñecemento e recoñecemento" da cidade en España

Abel Caballero foi o ponente invitado para abrir os relatorios-almorzo de Fórum Economía en Vigo, facendo un chamamento ao sector público e privado para consolidar o "factor Vigo en España", o recoñecemento dun "novo Vigo que xa ninguén pode ignorar nin negar". "Temos o gran reto colectivo" de logralo -salientou o alcalde-, e abogou por unha "cidade de economía", coas infraestruturas e o Plan Xeral como eixos para "saír reforzados" da crise.

xoves, 15 out 2009
1255611133forumeuropa.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi invitado por Nueva Economía Fórum para abrir na cidade os almorzos-relatorio da súa tribuna de Galicia, intervención na que reclamou do sector público e privado lograr "o gran reto colectivo" de que Vigo sexa "coñecido e recoñecido" en España como a gran cidade, xunto con Valladolid, de todo o oeste español.

Ese recoñecemento, a nivel político, foi estruturado polo alcalde tanto dentro como fóra dos límites municipais. Así, desde o Goberno de España, Abel Caballero citou as infraestruturas como os eixos do recoñecemento: as autovías en marcha a Pontevedra e Porriño, o novo aeroporto cunha terminal en proxecto e aparcadoiros en construción, un Porto que pode ampliarse no Areal pola retirada do actual executivo local dun recurso ao efecto, e a Alta Velocidade, con 2.000 millóns de euros de investimento exclusivo para Vigo e o túnel de entrada do tren máis a nova estación intermodal de Urzáiz e a provisional. En total, estimou o alcalde, os orzamentos do Estado deixan
en Vigo 120 millóns este ano e 138 para o 2010, e reiterou que "non é posible en ningunha das partidas relevantes asignar un só euro máis que se poda gastar".

A nivel interno, o alcalde simbolizou a marcha da cidade no Plan Xeral aprobado fai ano e medio. Ata o momento, o PXOM ten en marcha 41 ámbitos de desenvolvemento con 24.000 vivendas, das que a metade aproximadamente son de protección oficial; deu licenzas a 54 edificacións cunha media de 32
vivendas cada unha; e, xunto con Zona Franca, impulsa 1,25 millóns de metros cadrados de solo industrial na cidade. Abel Caballero asegurou que estanse a desenvolver os trámites "invisibles" do PXOM para impulsar a economía viguesa unha vez a crise estea superada.

Ademais, o alcalde enumerou outros proxectos de cidade en marcha, históricamente demandados pola cidadanía viguesa, como as humanizacións (en dous anos, vinte veces máis que nos catro anteriores), o Auditorio Pazo de Congresos ("realidade imparable e visible"), a Biblioteca do Estado (con ubicación definitiva no propio Auditorio en construción), o rexistro Mercantil e o Xulgado do Mercantil designados para Vigo.

Abel Caballero citou asemade próximos obxectivos para Vigo maioritariamente englobados no I+D+i, como son a Cidade do Mar e a Axencia estatal de Radiocomunicacións, a facultade de Medicina, a presenza de delegacións de todas as Consellerías da Xunta en Vigo e a constutición da Área Metropolitana, "factor central de desenvolvemento". Ademais, o rexedor vigués abriu un capítulo para o medioambiente, asegurando que en Vigo "non imos renunciar" á depuración da Ría, tras o que agradeceu ao Ministerio de Medioambiente que empece a considerar financiar a nova depuradora viguesa na súa totalidade, pese a ser "competencia exclusiva da Xunta de Galicia".

Para finalizar o seu relatorio, o alcalde fixo un chamamento ao sector privado como "capital" para "sair reforzados" da crise, en especial o naval, o granito e a automoción, que recibiu do Goberno de España a maior axuda a unha factoría no estado este ano e avanzou Caballero que terán continuidade. De feito, Caballero avanzou que o 10 de novembro a número dous do Ministerio de Industria reunirase co sector vigués da automoción.

Abel Caballero definiu a acción de goberno viguesa desde a "cooperación e o diálogo" tanto coa Xunta de Galicia como co Goberno de España, así como con sindicatos e empresarios. Concluíu o alcalde a ponencia afirmando que "a partir de agora, a este novo Vigo xa ninguén pode ignorar nin negar".
Descargar todas as imaxes