Escoitar

Comezo do programa "Unha lección de cine", con sete películas en galego dirixidas a estudantes de secundaria

A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, anunciou que o xoves, 15 de outubro, comezará unha nova edición do programa "Unha lección de cine", dirixida a alumnos e alumnas de secundaria. Na presentación da iniciativa, na que tamén participou o xerente dos cines Yelmo-Cineplex do Centro Comercial Travesía, Xabier Roibas, a edil destacou que esta convocatoria "pretente amosar aos rapaces e rapazas a posibilidade de ver cine comercial en galego".

mércores, 14 out 2009
1255525012leccioncine.jpg
Iolanda Veloso indicou que a iniciativa inclúe sete títulos como "O misterio Galíndez", "Hotel Tívoli", "Heroína", "O concursante", "Cando o mundo remate te seguirei amando", "Un amor por descubrir" e "Mia Sarah", e un total de quince proxeccións. Explicou que os centros escolares que queiran participar poden elixir a proxección desexada chamando ao teléfono 986 810 281 de 9:30 a 14 horas. "Aproveitamos ademais para traballar cos estudantes e o profesorado coa preparación de unidades didácticas baseadas en temas transversais que forman parte do seu curriculum", sinalou.

"Yelmo-Cineplex quere colaborar coa normalización lingüística do galego porque é unha empresa moi vencellada coa cultura", salientou Xabier Roibas. O xerente dos cines fixo referenza á forte progresión que ten a iniciativa. Neste sentido, dixo que o programa comezou no 2005 con tres proxeccións e chega ao 2009 cun total de trinta, quince destinadas a infantil e primaria, que tiveron lugar a final de curso, e quince dirixidas a secundaria, que rematarán o 27 de novembro. As películas serán proxectadas nos cines Yelmo-Cineplex nunha das salas con capacidade para 300 rapaces e rapazas.
Descargar todas as imaxes