Escoitar

O alcalde anuncia un incremento das becas para comedores e daranse "tantas coma sexa preciso"

Abel Caballero garantiu que o próximo curso, ante un posible incremento da demanda pola crise, o Concello dotará de "todos os fondos precisos para atender todas as becas" para comedores escolares, "sen límite de cantidade", explicou. O alcalde avanzou asemade que 10 centros precisan da ampliación do seu comedor, polo que solicitará á Xunta de Galicia que acometa as reformas para o próximo curso.

venres, 8 mai 2009
1241786609directores.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este venres unha reunión coa Asociación de Diretores de Colexios Públicos de Vigo, a quen lles ofreceu a "garantia absoluta" de que se incrementarán "sustancialmente" as becas para comedores o ano que ven, e daranse "tantas coma sexa preciso".

Abel Caballero constatou cos diretores a necesidade de incrementar estas subvencións ás familias con rendas máis baixas, debido á crise económica, e o Concello xa prevé un repunte das solicitudes pola mesma causa para o vindeiro curso.

O alcalde garantiu "todos os fondos precisos para atender todas as becas", "sen límite de cantidade". O Concello encargarase de todo, explicou, para asegurar que todas familias que o precisen conten cunha beca para comedores.

Segundo informou Abel Caballero, o Concello de Vigo xestiona 32 comedores, 7 a Xunta de Galicia e outros tantos son xestionados polos propios centros; e ao ano subvenciona con 685 euros o comedor de cada neno. Este curso son 1.200 as familias que se están a beneficiar das achegas, que contan cun orzamento próximo aos 550.000 euros.

Ampliación
O rexedor local e os diretores constataron asemade que "necesitamos ampliar os comedores" de 10 centros educativos da cidade, colexios nos que xa se están a dar dous turnos para as comidas, e ante a demanda prevista para o próximo ano de uso dos comedores.

Abel Caballero xa adiantou que hoxe venres remitiría unha "notificación urxente" ao conselleiro de Educación da Xunta de Galicia para que acometa, antes do inicio do vindeiro curso escolar no mes de setembro, á ampliación dos comedores.
Descargar todas as imaxes